O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, supervisou os traballos de mellora do firme da estrada provincial que vai dende Monforte ó polígono industrial de O Reboredo.
As obras acometidas consistiron na limpeza de laterais e na adecuación de cruces coincidindo coa contorna do polígono industrial monfortino. Unha vez rematada a pavimentación levarase a cabo a sinalización horizontal e vertical, co que finalizarán as actuacións de mellora desta estrada.
A esta actuación de 315.000€, o Alcalde engade as desenvoltas polo Concello monfortino nos últimos anos; como a nova vía de medio quilómetro construída na zona oeste, na que o Concello aportou 235.627,16€, e as actuacións de reforma dunha nave municipal que foi convertida na sede do primeiro Viveiro de Empresas industrial que ten o Concello de Monforte, e no que investiu 235.913,45€.
Segundo o alcalde, os investimentos no Polígono no período 2016-2022 superan o 1,1M€, dos que o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros.
Lembra José Tomé que o Polígono contará con 14.000 metros cadrados máis de chan industrial, procedentes da revocación de contratos de compra de diversas parcelas a cargo de varias empresas, establecidos nos anos 2006 e 2007, os que se engadirán 111.000 metros cadrados, cedidos pola Deputación de Lugo. Engádense tamén 5.000.000€ para unha nova depuradora no Polígono Industrial do Reboredo.
O éxito do polígono tradúcese no interese crecente de empresas por implantarse no mesmo, como o caso anunciado da farmacéutica KernPharma, que construirá unha planta de produtos inxectables, cun investimento inicial de 33M€, ou a ampliación e mellora das instalacións da empresa de produtos lácteos Oviganic Ibérica.