A novena edición do Festival cómico festivo “A Rúa é Vosa” volverá ser protagonista do programa das Festas Patronais de Monforte con actuacións dirixidas a un público infantil e familiar. Todas as actividades son de rúa e de balde consistindo en espectáculos de música, maxia, acrobacias aéreas, paiasos, monicreques, mimo, circo e danza. As localizacións serán na Praza de España e na rúa do Cardeal.
Sábado 12 de agosto
Actuacións de ARA Andrea Ríos: Acrobacias aéreas e danza.
13:00 h.- Na praza de España ARA realizará un espectáculo de circo contemporáneo que fusiona as linguaxes do teatro e da danza xunto coas técnicas de acrobacia aérea (multicordas e suspensión capilar). Neste espectáculo, para todos os públicos, combínanse diferentes técnicas artísticas como teatro xestual, danza e acrobacias aéreas.
19:30 h.- De novo ARA na praza de España faranos gozar cunha experiencia sensorial entre a forza feminina, o voo e a poesía do movemento.
Domingo 13 de agosto
Actuacións de Lola Mento: Maxia e comedia.
12:00 h.- Na rúa do Cardeal teremos nesta mañá maxia e comedia coa compañía Lola Mento co seu espectáculo Lolamentado, espectáculo “polipatético” de maxia, humor e improvisación para todos os públicos.
20:00 h.- Na praza de España terá lugar a segunda das actuacións de Lola Mento, maga, actriz e show woman poli patética que utiliza a súa comicidade e a súa pouca vergoña para unha comunicación potente e directa co público, sempre diferente e única.
Actuacións de Pepes Show: Clown, monicreques e acrobacias.
13:00 h.- Na praza de España Pepes Show representará o seu espectáculo Surprise. Unha caixa misteriosa chea de sorpresas está a punto de estourar liberando dúas particulares personaxes, as cales aproveitarán este peculiar suceso para enredar co público e facelo partícipe das máis divertidas e aloucadas situacións.
19:00 h.- Pepes Show deleitaranos de novo na praza de España coa representación do seu espectáculo Surprise.
Luns 14 de agosto
Actuacións de Barafunda: Globoflexia e clown.
13:00 h.- Na praza de España a compañía Barafunda representará o seu espectáculo Lolo Globotolo que fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes. Figuras imposibles con globos darán lugar aos gags máis divertidos.
20:00 h.- Na praza de España Barafunda porá en escena un espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva en que o público se sentirá parte integrante. Este espectáculo é todo un divertimento familiar, cunha posta en escena onde a ilusión do clown se mestura nun cóctel de risa e gargalladas.
Mércores 16 de agosto
Actuacións de O Mago Paco: Maxia e clown.
12:00 h.- Na rúa do Cardeal teremos nesta mañá maxia e clown con O mago Paco e o seu espectáculo Ledicias 2.0. Xogos, participación e moito humor sorprenderán tanto a nenos e nenas como a maiores co seu peculiar estilo.
19:00 h.- Na rúa do Cardeal terá lugar a segunda das actuacións de o Mago Paco. Maxia divertida e participativa son as premisas desta nova adaptación que está pensada para que as familias poidan gozar dun momento único e que lembrarán por moito tempo. Mergúllate no mundo máxico da ilusión e da fantasía e volve divertirte coma un neno.
Actuacións de N+1: Maxia e clown.
13:00 h.- Na praza de España a compañía N+1 representará Cuacuac. Ser diferente aos demais non debe ser motivo de vergoña e moito menos un impedimento para alcanzar os nosos obxectivos. Cando estas diverxencias se instalan tinguidas pola intransixencia convértense en cargas e xorde unha gran dificultade e para identificalas, para identificarnos.
20:00 h.- Na praza de España volverá a actuar N+1. Un paiaso, torpe e caótico, presenta mediante a danza, a manipulación de obxectos malabares e a acrobacia aérea unha personaxe con grandes dificultades para facer o que se espera dela. No desenvolvemento da actuación navegará xunto aos espectadores por un mar de emocións soltando amarras, onde as súas debilidades se transforman en fortalezas.