Concentración de repulsa polas agresións sexuais a dúas mozas nas Patronais de Monforte

Da concentración convocada por Femforte participaron o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, os concelleiros, José Luis Losada, Pilar Espinosa, José Manuel Mougán e Regina López, o voceiro do BNG, Emilio Sánchez e moitos cidadáns monfortinos que amosaron así o seu rexeitamento, condea e repulsa ante estes feitos.

Concentración respulsa agresións sexuais festas / Concello de Monforte

A concentración de repulsa polas agresións sexuais sufridas por dúas menores de idade na madrugada do pasado martes 15 de agosto, en Monforte, tivo lugar na Praza do Concello.

O 16 de agosto, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte e en nome de toda a Corporación emitía un comunicado manifestando “a nosa máis enérxica repulsa e condena por estes feitos tan lamentables, producíndose durante a celebración das Festas Patronais. O pobo de Monforte rexeita taxantemente calquera tipo de agresión e moi especialmente se se trata de agresións sexuais a mulleres.”

José Tomé subliñou que “en Monforte non cabe ningún tipo de comportamento machista nin delitos contra a integridade e a liberdade sexual das mulleres, especialmente se son cometidos con menores de idade.”

Neste senso, o Alcalde salienta que “o Concello está a disposición das familias para axudar a superar este momento tan difícil, prestando se fose necesario, apoio legal, psicolóxico ou de outro tipo que precisen”. A próxima Xunta de Goberno que se celebrará o vindeiro luns, día 21 de agosto, ás 9:00 h., acordará personarse o Concello como acusación particular.

Manifesto FemFORTE

“A violencia sexual cara á infancia e adolescencia creceu un 71% nos últimos 10 anos e estes son os casos que se denuncian. 4 de cada 5, son nenas e mozas adolescentes. Cun aumento de violacións en grupo.

Sen educación sexual e afectiva, a pornografia convértese na maior fonte de información sobre sexualidade, polo que o desexo sexual créase sobre cimentos violentos, desiguais e ficticios. Segundo un estudo realizado pola Universidade das Illas Baleares, a idade de inicio de consumo de pornografía son 12 anos. O 90% dos adolescentes entre 13 e 18 anos consomen pornografía e a idade de inicio baixa cada vez máis, o 17% dos nenos de 8 anos xa consumiu pornogragia Segundo Save de Children, que alertou tras a realización dun estudo, o 12% dos mozos reproducira o que vira na pornografía nas súas relacións, sen o consentimento explícito da parella e sen que a esta parecéralle ben.

Estes son os datos e, esta a segunda vez que nos concentramos para denunciar esta violencia. Hoxe por 2 adolescentes de 15 e 16 anos. Non, isto non é casual. Non, isto non está a pasar en Monforte porque aquí os homes volvéronse máis agresivos. Esta violencia contra as mulleres esta aumentado en toda España, manifestándose de moitas formas, desde que políticos, medios de comunicación e redes sociais ridiculizan, negan, ocultan e tentan eliminar políticas que nos protexen. Non, isto non é casual Hoxe estamos aquí por elas, que non puideron divertirse en liberdade, que non puideron chegar á casa sas e salvas. E polas que hoxe senten máis medo.

Hoxe estamos aquí para que saiban que non están soas. Que seguiremos acompañándoas. Que seguiremos aquí cando xurdan as dúbidas, a desconfianza, a culpabilidade. Que seguiremos manifestándonos, gritando, todo o alto e forte que podamos, tantas veces como sexa necesario que… Non estades soas.

Eu si vos creo. Nós si vos cremos. Nunca máis.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here