HomesociedadeSentido único desde a LU-546 para acceder á Romaría do San Mateo...

Sentido único desde a LU-546 para acceder á Romaría do San Mateo en Sarria

Ante a previsión dunha afluencia masiva á Romaría dos Remedios, que se celebra desde este día 7 ata o sábado na parroquia de San Salvador de Cesar, o concello de Sarria coordina coa comisión de festas un dispositivo de tráfico e seguridade para o venres e o sábado ao fin de garantir o axeitado desenvolvemento das celebracións.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

En canto á circulación de vehículos, para mellorar a fluidez do tráfico no acceso á contorna da romaría establécese un sentido único de subida desde a estrada de Monforte (LU-546), concretamente desde o cruce coa estrada LU-P-5703 en dirección a Vilar do Monte. Para a baixada cara Sarria, recoméndase retornar pola estrada LU- 546 desde A Valiña ou ben facelo a través dos lugares de Pape e Arxevide, pola estrada de Samos (LU-633). Ademais, a organización habilitará diferentes espazos de aparcamento que estarán debidamente sinalizados e que serán de carácter gratuíto.

Por outra banda, as forzas de seguridade pregan especial precaución aos condutores que circulen estes días polas devanditas estradas e, sobre todo, ás persoas que decidan subir camiñando desde Sarria ou retornar tamén a pé para que o fagan pola beiravía ao fin de evitar posibles accidentes ou atropelos.

Desde o concello de Sarria tamén se distribúen desde este mércores diferentes mensaxes a través das redes sociais para concienciar aos romeiros sobre a necesidade de respectar a contorna e a obriga de recoller tanto o lixo que xeren durante a festa como o mobiliario que trasladen ata a zona. Estas mensaxes tamén se difundirán na zona de Cesar a través de carteis con lemas como “O lixo non volve só. Deposítao nos contedores ou lévao contigo ata chegar á casa. Forma parte do Cambio!” ou “A festa é mellor cando coidas a natureza. A túa festa, o teu compromiso. Protexe a contorna!”.

Programación

En canto ás actividades programadas pola comisión de festas, este xoves está prevista unha queimada ás 22.30 horas coa actuación de grupos musicais. O venres ás 13.00 horas oficiarase a misa maior, coa correspondente procesión, e haberá unha sesión vermú amenizada pola orquestra Verano Azul, que tamén actuará pola noite na verbena xunto coa orquestra Acirema. Previamente, pola tarde actuará a Charanga de Paradela. Finalmente, o domingo ás 13.00 horas está programada outra misa maior, seguida da sesión vermú co grupo Paradanta, que repetirá actuación pola noite.

ÚLTIMAS

Máis dun cento de persoas asisten á proxección de Reboiras en Monforte

Ao remate da proxección tivo lugar un coloquio no que interviron dous militantes da...

Tomé inaugura o VII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte coa participación de 3O adegas

Aproveitando a súa intervención, Tomé anunciou que a Deputación Provincial asinará en breve un...

Remátase o muro de sostemento en Gradín para garantir a seguridade viaria en Láncara

Os traballos consistiron na execución dun novo muro de sostemento e na renovación da...

O Concello de Chantada reforza a sinalización turística do Monte Faro

Os novos sinais instalados, mencionan a igrexa de Santiago de Requeixo, a ermida de...