Iniciosociedade"Tecendo Futuros: prácticas téxtiles contemporáneas" en Chantada, o 30 de setembro e...

“Tecendo Futuros: prácticas téxtiles contemporáneas” en Chantada, o 30 de setembro e 1 de outubro

A Xunta de Galicia impulsa os días 30 de setembro e 1 de outubro as xornadas Tecendo Futuros: prácticas téxtiles contemporáneas. A actividade que se celebrará en Chantada ten como obxectivo abordar os oficios e o traballo de diferentes creadores ao ámbito téxtil desde perspectivas diversas, desde a relación do téxtil coa moda, coa ciencia, a arte téxtil, os novos materiais ou os materiais máis tradicionais vinculados a zonas xeográficas concretas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O encontro está organizado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da Fundación Artesanía de Galicia, en colaboración co Espazo Vilaseco, e están comisariadas por Lala de Dios, tecedeira, historiadora da arte, investigadora e presidenta de Oficio y Arte e da Asociación para la Creación Textil.

Terán lugar no Espazo Vilaseco, no lugar de San Cristovo de Mouricios. As inscricións teñen un custo de 50 € para o público xeral e 40 € para obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e pódense realizar xa na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.

Con esta iniciativa a Xunta busca presentar o panorama da situación actual das prácticas téxtiles contemporáneas, resaltar a súa heteroxeneidade e riqueza. As xornadas comezarán cunha conferencia da holandesa Simone Post, artista e deseñadora de produto, centrada na preservación dos saberes artesanais e da sustentabilidade. Simone Post utiliza materiais residuais que aplica e procesa de forma artesanal para crear novos produtos estéticos.

As intervencións posteriores dividiranse en catro mesas temáticas: a primeira dedicada ao traballo de diferentes obradoiros artesanais entre os que se atopan Belategui Regueiro (Cambre), de Artesanía de Galicia, o taller madrileño Carmen17 -que compaxina o deseño de vestiario para artes escénicas coa súa marca de roupa artesanal- e o sevillano Hilando el tiempo, especializado na creación contemporánea a partir da técnica do gancho; e estará moderada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

A segunda mesa estará centrada na relación entre artesanía e moda e contará coa participación do artesán especializado en sombreiros Félix de Martín (Ourense), de Artesanía de Galicia, Silvia Calvo (Barcelona), unha marca de moda sustentable que emprega xute reciclado, e Raquel Buj (Madrid), especializada na experimentación con novos materiais e na mestura da artesanía, a fabricación dixital e da biofabricación. Este debate estará moderado por Mónica Rey Cabezudo, investigadora postdoutoral de Historia da Moda nas universidades de Santiago e Vigo.

A terceira das mesas, xa o domingo, estará dedicada ao vínculo entre téxtil, arte e ciencia e contará coa participación da artista visual e investigadora experimental en bordado Carmen M. Castañeda (Madrid), a artista e deseñadora Elisa Cuesta (Asturias/Madrid), que opera na intersección entre as artes, o deseño e as ciencias, e na creadora Luz Moreno Pinart (Madrid/París), especialista na relación das fibras téxtiles coa arquitectura e coa natureza e finalista do Loewe Craft Prize 2023. Lola Dopico, directora do Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa de Moda ESDEMGA, Universidade de Vigo, será a encargada de moderar este debate.

A última das mesas centrarase nos materiais autóctonos e nela presentaranse diferentes proxectos de recuperación de fibras téxtiles como “Vilaseco na aldea: liño e arte”, a cargo de Miriam Vilaseco e Manuel Rodríguez Calviño; Mutur Beltz, impulsado por Laurita Siles para recuperar a la autóctona de Karrantza (Bizkaia); ou o da marca británica de tecido artesanal Mourne textiles, sobre a que falará o seu director, Mario Sierra. Esta mesa estará moderada por Lala de Dios, tecedeira, historiadora da arte e comisaria das xornadas.

Talleres especializados

Os días 2 e 3 de outubro celebraranse dous talleres prácticos: un dedicado ao traballo cun tear dixital e outro dedicado á experimentación creativa cunha técnica manual con ferramentas sinxelas. As inscricións para estas dúas actividades están tamén abertas na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia e teñen un custo de 50 € para o público xeral e 40 € para obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...