HomesociedadeTurismo profesional e personalizado na Ribeira Sacra

Turismo profesional e personalizado na Ribeira Sacra

Un dos destinos de moda en Galicia e incluso fóra das nosas fronteiras é Ribeira Sacra. Para coñecer os recunchos máis interesantes, ter información rigorosa e optimizar as visitas o recomendable é sempre recorrer a unha/un profesional.

Publicado o

- Advertisement -

Aínda que cada vez temos máis información, e podemos acceder a ela con máis facilidade grazas ás novas tecnoloxías, á hora de facer turismo e coñecer novos destinos un punto diferencial ofréceo sempre unha/un guía oficial. Alguén da zona que coñece como a palma da man o territorio e que enriquece as visitas con información do máis interesante do lugar é unha garantía para o visitante.

En Monforte de Lemos contamos, por exemplo con Turisana, un proxecto de Ana Buján que naceu coa idea de ofrecerlles aos turistas, excursionistas e peregrinos/as un servizo que inclúe asistencia, acompañamento e información de utilidade, deseñando incluso visitas á carta, totalmente personalizadas. Falamos con Ana.

Cantos anos levas como guía turística? E na Ribeira Sacra?

O 1 de outubro deste ano fixo dous anos. Dous anos como Guía Oficial de Galicia pero especializada na nosa zona, A Ribeira Sacra.

Podes dicir que esta terra non ten segredos para ti?

Oxalá, pero a verdade e que cada día descubro algo novo que nos ofrece e aporta a Ribeira Sacra, recunchos, paisaxes, historias agochadas… Cada vez que saes facer unha ruta, aínda sendo a mesma, semella que é outra distinta. E creo que é mellor así, se nos sorprende aos que estamos en contacto tódolos días con esta terra, imaxina a sensación que pode causar nos nosos visitantes.

Na Torre da Homenaxe en Monforte. Foto: AB

Entendendo que a vocación é importante, que outras aptitudes debe ter unha boa acompañante turística?

Pois aparte dos coñecementos necesarios, por suposto, empatía coa xente que nos visita, é dicir, saber moi ben o que a xente prefire visitar. Non é o mesmo un grupo de 50 persoas que ir só cunha parella. Trátase de personalizar a visita o máis aproximado posible aos gustos e preferencias de quen vén coñecer o noso fabuloso xeodestino en Galicia; ofrecerlle ao cliente diferentes preferencias a escoller entre románico, sendeirismo, adegas, miradoiros, gastronomía, etc. Por todo iso o meu lema é Rutas á Carta pola Ribeira Sacra. E o máis importante, saber transmitir a paixón polo meu traballo e pola zona onde o desempeño para crear a necesidade de que volvan visitarnos.

Hai mercado na Ribeira Sacra para vivir desta profesión? Ofreces servizos turísticos para todas as épocas do ano?

Imos ser realistas, por poder, podería haber ben máis, pero complementando con outras actividades dentro do mesmo sector vaise tirando. E si, os servizos de guía pódense contratar todo o ano. A Ribeira Sacra amosa o seu encanto cun ton distinto en cada estación.

Ademais destes servizos agora estás metida noutro proxecto, cóntanos.

Hai 8 meses que estou, xunto con Isaac Cadórniga, xestionando un pequeno hotel rústico situado nos Peares, un enclave moi visitado da Ribeira Sacra, entre outras cousas por estar na desembocadura do río Sil e do Miño. Chámase Hotel Rural Casal das Bouzas, ten 6 habitacións, unha finca con espazos habilitados para gozar da natureza, piscina para os calorosos días de verán e a oportunidade de ter rutas dende o mesmo hotel. Os clientes poden reservar por habitacións ou a casa enteira para celebracións especiais e nestes intres ofrecemos aloxamento con almorzo, catering en eventos e servizo de guía. 

Algún evento destacado que realizarades?

Por poñer algún exemplo, este ano tivemos unha concentración de Renault Sport, organizada polo propio Concesionario e por nós, como R.S. Rural Experience, e unha reunión familiar que incluía aluguer da casa enteira máis servizo de guía oficial pola Ribeira Sacra.

Evento Renault Sport. Foto: AnaBuján

Algunha anécdota curiosa que podas contar?

Temos unha, que máis que curiosa parece casualidade ou cousa de Meigas porque habelas hainas (risas). Un día, sentados na terraza dun bar a carón do Hotel, escoito a dous señores falar entre eles de que, preto de onde están hai un hotel chamado Casal das Bouzas… Aí quedou o que escoitei, pero cando lle estou a contar a Isaac o acontecido, soa o teléfono…. e eran eles preguntando se había dispoñibilidade. Nese momento xa nos xiramos e falamos en persoa, e claro, a cara deles foi un “poema” e unhas boas risas. De feito, había unha parella ao lado e dixo que só por iso ían vir quedarse eles tamén no hotel. Situación graciosa polo menos.

 

ÚLTIMAS

L∃EMOS, novo selo de Agrasar Editores que abre a porta a xéneros e voces universais

Desde a súa fundación, Agrasar Editores, foi un piar na preservación e promoción da...

Horario do bus urbano de Monforte os días 5 e 9 de decembro

O Concello de Monforte informa que a empresa de transportes concesionaria do servizo do...

O xulgado arquiva a denuncia por violación grupal nun pub de Sarria

A xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Sarria decretou...

Este 6 de decembro celébranse os XII Cantos de Taberna da Pobra do Brollón

Todos os grupos pasarán ao longo do serán polos seis bares do municipio: Avenida,...