Esta tempada foron 60.413 os usuarios e usuarias que realizaron estas rutas fluviais coñecendo desde un punto de vista diferente estas particulares paisaxes. Na ruta do Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, rexistráronse un total de 46.147 persoas, e na do Cabo do Mundo, con saída de Santo Estevo en Belesar, foron 14.266 viaxeiros. Se ben hai que ter en conta que a ruta que parte de Belesar se viu interrompida este outono polos traballos que fixo a empresa Naturgy no encoro dos Peares, baixando o nivel da auga, o que imposibilitou poder navegar durante máis dun mes.
Durante esta Ponte festiva da Constitución foron máis de 1.000 persoas as que realizaron algún destes dous itinerarios, en concreto 1.071 viaxeiros. Uns datos contabilizados dende o sábado 2 de decembro ata o domingo 10 de decembro, período no que as embarcacións navegaron todos os días con saídas pola mañá e pola tarde. A ruta que parte de Ponte do Sil foi a elixida por 858 persoas e, pola súa banda, a de Belesar escollérona 213 persoas.
O perfil maioritario neste ano foron parellas e pequenos grupos de familias ou amigos, así como viaxeiros galegos e doutras comunidades autónomas que se achegan a coñecer todos os atractivos da Ribeira Sacra. En canto ás provincias, a maior parte dos viaxeiros e viaxeiras procede da provincia de Lugo, Pontevedra, Madrid, A Coruña, Barcelona e Asturias. Tamén se evidenciou unha alta presenza de viaxeiros doutros países, con rexistros de persoas procedentes de 35 nacionalidades diferentes, destacando a presenza de visitantes españois, portugueses, franceses e do Reino Unido. Por idade, destacan as persoas maiores de 55 anos.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destaca “un novo éxito do servizo provincial, 10.000 persoas con respecto á temporada anterior, o que nos di que as políticas turísticas que temos en marcha son as que funcionan”. Porto destaca que lógranse estes datos sendo respectuosos co medio, declarado Reserva da Biosfera pola Unesco, “algo que nos fai estar máis contentos aínda, porque se demostra que apostar por un turismo de calidade, proximidade, non masificado e ao longo de todo o ano é o camiño”.