O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado de varios concelleiros e concelleiras, inaugurou este sábado o “Mercado para a Medieval” no anexo da Praza de Abastos de Monforte, un evento que serve de anticipo para ir preparándose para a Feira Medieval que terá lugar durante a fin de semana do 30 e 31 de marzo.
Antes da inauguración oficial, no devandito espazo, o Alcalde ofreceu unha rolda de prensa aos medios de comunicación para presentar o Programa oficial de actividades da Feira Medieval.

Á marxe do programa, e como anticipo, o rexedor quixo lembrar dúas cousas: que ao chegar este ano á edición número 20 procederase ao remate da mesma a solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego; e tamén que o orzamento dedicado este ano para confeccionar a programación é o máis alto da historia, roldando os 100.000 euros, uns 6.000 máis que no ano anterior.
PROGRAMA DA XX FEIRA MEDIEVAL
Unha das novidades que se anticipa como máis espectacular será a incorporación dun novo espectáculo de animación de rúa no que os protagonistas serán 2 grandes elefantes manexados por 4 persoas especialistas, debido a que as súas dimensión requiren dunha coordinación precisa. Os elefantes irán acompañados por un grupo de músicos e bailaríns que abrirán ó paso polas rúas a estes grandes animais, e sairán dende a praza de España polas rúas da Feira, o sábado e o domingo ás 8 da tarde.
Outras novidades a salientar no programa son as seguintes:
-A celebración o sábado ás 8 e media da tarde, dun concerto a cargo do grupo de música medieval Grimorium, na praza de España.
-O sábado ás 21:30 a praza Luis de Góngora acollerá o espectáculo A Lenda das Meigas, que xira arredor da purificación das almas dos espíritos que percorren as rúas da cidade nas noites escuras.
-O domingo as 21:00 h, na praza de San Antonio, terá lugar o espectáculo Inanna, onde as acrobacias e a espiritualidade serán as protagonistas.
Outras accións que axudarán ao lucimento do evento serán: na subida o sábado pola noite ata San Vicente manteranse os 200 fachos, os faroliños de papel subiranse a 500 unidades, e haberá unha reordenación das decoracións polas rúas da cidade cun aumento na ornamentación destacando a decoración da Ponte Vella e a Praza de San Antonio.

Neste senso, unha das colaboracións importantes que ten o Concello para a celebración da Feira Medieval, é coa Asociación de Artesáns de Monforte, que son os que se encargarán da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así coma da elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas do Concello.
Finalmente, a resolución dos diferentes concursos convocados polo Concello para esta Feira: Traxes medievais, Decoración de balcóns, e de establecementos comerciais e hostaleiros, ó igual que o ano pasado, celebrarase o domingo ás 7 da tarde na praza de España, por operatividade da Feira.
PROGRAMA E ACTIVIDADES DENTRO DA ESTRUTURA HABITUAL
Como é tradición, o sábado 30 ás 12 horas, uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán aos presentes do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ao Saúdo do Alcalde para declarar aberta a XX Feira Medieval de 2024 de Monforte. Tras este acto protocolario haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV.
Como en anos anteriores non faltarán cita na cidade de Monforte o Campamento Medieval da Praza de España, o espazo para a cativada que terá lugar no Campamento infantil Medieval xunto ao Convento das Nais Clarisas, o Espectáculo de aves de rapiña e cetrería, as Xustas medievais, o Gran Torneo Medieval, os espectáculos de lume, as actividades de rúa ou os espectáculos nocturnos ideados para a Praza Luis de Góngora e para o Campo de San Antonio.
O Mercado Medieval, que ano a ano aumenta o número de participantes, alcanzará os 135 postos en 2024, fronte ós 130 de 2023, con 41 postos de alimentación, 29 de comercio e 65 de artesanía.

Na súa intervención, José Tomé manifestou que “hai motivos dabondo para visitar Monforte, así que os días 30 e 31 de marzo esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración da Feira Medieval e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten dende o resto de Galicia e do resto do Estado, ós que convidamos a compartir con nós este evento que chega ás 20 edicións, o que nos vai permitir que sexa declarado Feira de Interese Turístico de Galicia”.
O programa oficial completo pode descargarse na páxina web do Concello de Monforte.