Na ruta que marcou o inicio do funcionamento dos catamaráns, e que se prolongará dende este sábado ata o mes de decembro, partiu o venres tarde do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, e contou coa participación do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López; a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada; o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos do Concello monfortino, José Luis Díaz; o Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; e Manuel Feijoo, Concelleiro da Teixeira.
O Presidente subliñou as “moi boas expectativas” da nova edición do servizo turístico da Deputación sinalando que “aínda non comezamos coas rutas e xa percibimos un gran interese por parte de grupos e familias, o que nos demostra que é un gran atractivo para esta comarca”. José Tomé tamén explicou que as viaxes ordinarias empezan cadrando co inicio da Semana Santa, “unha época vacacional que se agarda boa, moita xente está de vacacións e é un plan ideal para descubrir esta comarca dende unha óptica diferente”.
Tomé Roca lembrou, referíndose a este servizo turístico que xestiona a Deputación, que dende o ano 2019 rexistráronse preto de 240.000 viaxeiros, e iso malia o impacto da pandemia. E foi o ano pasado cando se conseguiron recuperar as cifras prepandemia, con máis de 60.000 viaxeiros.
OFERTA TURÍSTICA CUN IMPORTANTE RETORNO ECONÓMICO
O servizo das rutas en catamarán conta cun orzamento aproximado de 800.000 € “que non é un gasto, senon un investimento, porque ten un retorno de primeiro nivel para esta comarca e para o conxunto da provincia de Lugo”, subliñou o presidente.
“As rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra son un dos piares da estratexia que impulsamos dende a Deputación para consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias, na natureza, para todo tipo de públicos, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, sobre todo no rural”, afirmou tamén José Tomé.
Finalmente, o mandatario provincial incidiu en que este tipo de turismo “é unha vía de desenvolvemento eficaz para a provincia, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego e, polo tanto, para fixar poboación, e por iso é unha das liñas de actuación prioritarias do Goberno provincial”.
RESERVAS, DATAS E HORARIO
Nesta nova temporada mantéñense os dous percorridos: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e vai polo Miño. As persoas interesadas en desfrutar dos percorridos poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es
No caso da ruta fluvial Canón do Sil, funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas entre as 107 do catamarán Mencía e 52 do monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

SEMANA SANTA, ABRIL E MAIO
Neste mes de marzo, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido dende mañá sábado ao domingo 31, en horario de mañá e de tarde. No mes de abril, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o día 1, polo Día do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.
VERÁN E OUTONO
No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co Día de Todos os Santos.
No caso da ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes dende o día 9 ata o 13, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.
Ambas rutas rematarán a tempada a final de ano, con viaxes todos os días do 1 ao 8 de decembro.

