O barrio de Carude viviu unha xornada de festa espectacular este pasado domingo, 29 de setembro. E todo grazas á iniciativa da Panadería de Carude, coa inestimable axuda e colaboración da Asociación de Veciños, para agradecer a fidelidade e o agarimo da clientela e da veciñanza durante tantos anos.
O anunciado peche por xubilación deu pé a que durante toda a pasada semana as proximidades da panadería fosen un fervedoiro de xente, chamando especialmente a atención o sábado as fotos que correron polas redes sociais mostrando unha cola que nunca antes se vira. A peregrinaxe de clientes e non clientes para facer a última compra ou simplemente para saudar foi espectacular.
CELEBRACIÓN POR TODO O ALTO
A festa programada para o domingo non decepcionou. A Praza de Carude ateigouse de xente arredor dunhas mesas que se encheron de empanada, bica e viño para todas e todos os que ata alí se achegaron. E non só iso, houbo tamén unha barra con cervexa de balde que non parou de poñer cañas e un dúo musical amenizando dende as 19:00 ata pasadas as 22:00 h.
Houbo xente de todo Monforte, do barrio de Carude os que máis, pero tamén doutros puntos da cidade do Cabe e incluso de fóra. Xente da política e tamén dalgúns medios de comunicación pasaron tamén para acompañar neste evento tan entrañable. Felipe Grande e Josefa Rodríguez non daban atendido tantas mostras de agarimo…
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
Na celebración chamaba a atención un par de paneis nos que se puxeron fotografías representativas de momentos vividos na Panadería de Carude. Momentos de vida, tanto familiares como coa clientela, e dende o branco e negro ata a chegada da cor ás cámaras fotográficas.
ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS