O Concello de Bóveda vén de estrear un miradoiro astronómico na Serra de Penas, preto do miradoiro do Alto do Coto. A actuación, que ten un presuposto de 30.000 euros, foi financiada por Turismo de Galicia a través dunha liña de axudas para a diversificación do turismo nos concellos de menos de 10.000 habitantes.
O alcalde, José Manuel Arias, explica que a implantación elixida, vén dada, fundamentalmente, por dúas cuestións, “Por unha parte, a escaseza de oferta turística específica para este campo. E por outra, unha calidade imprescindible para poder practicar este tipo de observacións, que é a nula contaminación de luz do espazo no que se empraza”.
O rexedor precisa que “con esta intervención preténdese ampliar e complementar a oferta turística do Concello de Bóveda, que suma así tres miradoiros, diferentes e complementarios”.
O proxecto consistiu na execución dunha plataforma de pedra pulida a nivel do chan, de xeito que se facilita o movemento controlado das persoas sen risco de caídas, de noite e sen luz. Sobre esta plataforma colocáronse tres cadeiras – tumbonas, que permiten sentarse para acadar unha posición de reclinación idónea para a observación do firmamento. Estas cadeiras teñen capacidade para dúas persoas cada unha delas.
A maiores, no medio da plataforma poderán instalarse os equipos de observación que van montados sobre trípode. Por outra banda, está previsto instalar un cartel indicativo co planisferio correspondente a esta latitude.