Un belén digno de ver

O nacemento vivente que organizaron Os Escolapios de Monforte atrae numeroso público á Compañía.

Belén vivente na Compañía. Foto: José Ramón Casanova

A praza da Compañía, que viviu onte unha xornada festiva e solidaria con atraccións para os máis pequenos e concerto dos Gin Toni’s co fin de recoller xoguetes para familias con necesidades económicas, volvía encherse de vida esta tarde coa presenza dun dos nacementos en vivo máis grandes de Galicia.

A iniciativa partiu o ano pasado do Colexio dos Escolapios de Monforte e, dado o éxito na organización e o interese amosado polos veciños/as, decidiron darlle continuidade. O traballo de recreación que fan profesores, pais e alumnos é grande pero a satisfacción e as felicitacións que reciben compensa o despregamento de centos de figurantes neste espectacular belén diante da fachada do Colexio dos PP. Escolapios.

Diferentes espazos por oficios. Fonte: XM

Nesta especial representación, ademais do portal cos seus xa coñecidos moradores, había numerosas escenificacións de oficios e traballos cos seus actores ocasionais entregados aos seus respectivos papeis. Dende a barreira, os pais sacaban fotos e comentaban con familia e amigos o ben que estaban no papel os seus fillos/as. E digo dende a barreira pero realmente había dúas, dúas barreiras formadas con valos para deixar un carril por onde chegaron os Reis Magos. As SS. MM., dada a dificultade atopada en Monforte para atopar camelos, tiveron que cambiar o guión e facer a entrada en cabalo. Para moitos, foi un dos momentos máis espectaculares da tarde.

O belén vivente, que tiña a hora de comezo programada para as 16:00 h., ás 17:00 xa se estaba desfacendo. Os improvisados actores rompían filas e abandonaban o escenario para decepción de curiosos/as que chegaban tarde e apaixonados/as da estampa relixiosa aos que se lles facía curta a teatralización.

O Colexio dos Escolapios aproveitou tamén este ano para facer unha recollida de alimentos e xoguetes que serán entregados a Cáritas e á Cruz Roja respectivamente para repartir este Nadal entre familias con poucos recursos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here