A conselleira, acompañada polo alcalde da localidade, Héctor Corujo, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou este martes estas instalacións e trasladou os seus parabéns aos promotores dun proxecto que, destacou, permite aproveitar os recursos endóxenos do rural “coa virtude de potenciar unha raza autóctona de Galicia, a de porco celta, para xerar arredor dela toda unha experiencia”. Así, sinalou que, ademais de apostar pola gandaría en extensivo e pola gastronomía, esta Ecogranxa fomenta o aproveitamento do medio natural con actividades lúdicas, deportivas e culturais.
Nesta mesma liña, Gómez puxo en valor a recuperación de terras realizada a través desta iniciativa, xa que os seus impulsores foron quen de unificar preto de 30 parcelas de propietarios espallados por ata tres continentes para conformar unha explotación de 20 hectáreas de superficie, a de maior extensión de Galicia.
Neste sentido, a conselleira indicou tamén que este tipo de proxectos fomenta a dinamización do rural e a fixación de poboación, sen descoidar a modernización e a innovación, xa que a granxa conta con tecnoloxía avanzada, como é o seu sistema de recollida de xurros.
“Este é o rural que queremos e polo que apostamos dende a Xunta”, engadiu Gómez, quen puxo de relevo o apoio do Goberno galego ao fomento das razas autóctonas gandeiras da nosa comunidade, cunha convocatoria de axudas que se vén de abrir para este ano 2025, dotada con 220.000 euros. Lembrou ademais que o prazo para acollerse a estas subvencións está aberto ao longo de todo este mes. Son achegas que -concluíu a conselleira- “forman parte do noso intenso traballo e compromiso por un rural vivo, dinámico e con futuro”.
Neste contexto, a conselleira destacou que precisamente o titular da Ecogranxa beneficiouse dunhas axudas de Medio Rural para incorporación ao agro e para mellora de explotación por importe de preto de 125.000 euros.
Granxa porco celta do Incio / Consellería do Medio Rural