HomesociedadeO historiador e intelectual Xosé Estévez Rodríguez candidato a "Fillo Predilecto de...

O historiador e intelectual Xosé Estévez Rodríguez candidato a “Fillo Predilecto de Quiroga”

A iniciativa partiu do Bloque Nacionalista de Quiroga que presentou, seguindo o Regulamento dos Títulos, Honores e Distincións Oficiais do Concello de Quiroga, á Xunta de Goberno Local a solicitude formal cunha exposición de motivos que entenden fan merecedor do devandito título ao destacado historiador quirogués

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Xunta de Goberno Local do Concello de Quiroga aprobou co remate do ano, por maioría dos seus membros, a incoación do expediente para o nomeamento do historiador e intelectual Xosé Estévez Rodríguez como “Fillo Predilecto de Quiroga“.

Despois de dárselle publicidade a este acordo en medios de prensa locais, abriuse unha fase informativa e de verificación na que se preparará, cun instrutor e unha secretaria, o expediente para presentar a Alcaldía. A continuación, este poderá remitilo para Ditame en Comisión Informativa de Cultura e posteriormente elevar a proposta ao Pleno Municipal. Chegados a este punto, o acordo deberá tomarse por maioría absoluta legal dos seus membros.

Ademais do extensísimo currículo que atesoura como docente universitario e como intelectual, e de levar sempre o nome de Quiroga por bandeira, os propoñentes poñen en valor diferentes actividades desenvolvidas por Xosé Estévez que consideran contribuíron e contribúen de xeito destacado en beneficio do bo nome, da imaxe e dos intereses do concello e dos seus habitantes. De xeito resumido destacan as seguintes:

-A publicación de obras como O val de Quiroga e Galiza: na saudade do corazón, que representa a súa memoria persoal de quirogués e a memoria colectiva dun pobo. O manexo desta obra é fundamental para coñecer a historia de Quiroga, da súa Comarca e dos seus veciños. Xosé Estévez foi amigo íntimo de Manuel María, coñeceu a Uxío Novoneyra, e mantivo unha extensa relación epistolar con Ernesto Guerra da Cal. E a tamén relevante, “Manuel María e o Val de Quiroga”, libro no que Xosé Estévez enxalza ao poeta chairego pero tamén fai unha homenaxe ao Val de Quiroga como patria natal e eido poético da Ribeira Sacra

-A súa figura foi unha fonte de inspiración e supervisión para a creación da Ruta literaria: Quiroga territorio literario, que recoñece a oito escritores vinculados fondamente con Quiroga e a súa contorna: Pura e Dora Vázquez, Ernesto Guerra Da Cal, Eduardo Moreiras, Uxío Novoneyra, Luis Losada, Ánxel Fole e Manuel María. Un roteiro que leva, entre outros, o sinal de identidade inconfundible de Xosé Estévez e que forma parte como socio fundador da Asociación Nós de Casas, Museos e Espazos Literarios de Galicia. A súa participación foi determinante para crear este espazo.

-Nun recente acto de xenerosidade coa súa Quiroga natal, Xosé Estévez vén de ofrecer ao concello a doazón da súa biblioteca persoal de libros en galego. Estamos a falar de centos de exemplares na lingua de Rosalía que pasarán a formar parte do patrimonio literario da Biblioteca Municipal do Concello de Quiroga.

Fillo predilecto

Esta figura está recollida no artigo 8º do Regulamento dos Títulos, Honras e Distincións Oficiais do Concello de Quiroga, publicado no BOP número 31, do xoves 7 de febreiro de 2008.

“O título de Fillo Predilecto do Concello de Quiroga só poderá recaer naquelas persoas nadas no termo municipal e que polas súas cualidades persoais, ou méritos relevantes –especialmente polos seus servizos en beneficio, mellora ou honor de Quiroga– alcanzasen alto prestixio e consideración xeral indiscutible no concepto público”.

No Título II deste regulamento figura o ‘Procedemento para a concesión e privación dos títulos, honores, e distincións’. E dentro do mesmo, o Capítulo IV refírese á ‘Tramitación de expedientes’.

ÚLTIMAS

Este 18 de xaneiro preséntase o tomo IX de Alicerces

O acto de presentación terá lugar este sábado, 18 de xaneiro, no Auditorio Municipal...

Un vídeo divulgará a semente, sega, acarrexa, malla e ‘Festa dos Fachós’ de Castro Caldelas

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao...

Granxas familiares, un modelo en risco?

O 95 % das granxas que hai en Galicia seguen sendo familiares. Grazas á...

A Gándara de Monforte triunfa no Galego de Cross Escolar

Na categoría cadete feminina, o equipo da Gándara formado por Sabela Nieves, Sara Pérez,...