HomesociedadeTaboada celebra a Festa do Caldo de Ósos poñendo ás mulleres no...

Taboada celebra a Festa do Caldo de Ósos poñendo ás mulleres no centro

O Concello de Taboada celebraba esta fin de semana unha das súas citas máis características, a Festa do Caldo de Ósos, que chegaba á súa 33 edición e que tivo como pregoeira á Premio Nacional de Poesía 2020, Olga Novo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O sábado abríase a Festa do Caldo de Ósos con música e a inauguración da exposición “As donas do Caldo de Ósos”, na que se retratan doce mulleres de Taboada, nas súas cociñas. Ás 20:00h tivo lugar a Ruta osovinícola polos bares de Taboada. O documental “O Caldo de Ósos nas túas mans” proxectouse ao longo da fin de semana no Cuartel Vello.

O domingo o recinto feiral abría os seus postos ás 11.00h onde se podían atopar produtos de artesanía e gastronómicos. Desee primeira hora da mañá contouse con actuacións musicais, actividades de lecer para os máis pequenos e exhibición e mostra de razas autóctonas.

Ás 13:30h a poeta da Pobra do Brollón lería o pregón despois das intervencións do alcalde de Taboada, Roi Rigueira, que destacaba que se celebraba “a singularidade dun prato único que se fai soamente aquí”; do tt de alcalde, José Portela e do concelleiro de cultura e organizador da Festa, Manuel Diéguez. “A Festa do Caldo de Ósos é moito máis que unha festa gastronómica coas mulleres no centro como responsables da transmisión de saberes, de soster a Festa. Reivindicamos as mulleres na transmisión deste patrimonio”, aseguraban.

Festa Caldo de Ósos 2025 pregón / XdL

A muller e o caldo protagonizaron o pregón de Olga Novo, “O caldo, alimento base de poboacións pobres, leva na súa etimoloxía a calidez, o quentor. O alimento que alimenta o corpo e polo tanto tamén a alma como a manta da miña bisavoa. O caldo feito por mulleres nas nosas lareiras e logo nas cociñas de leña mentras se facían confidencias e se contaban as alegrías e as penas, os partos, a preñez, a dificultade de saír adiante, a ledicia de estar vivos e a memoria resistente e resiliente de todo iso que importa”.

Olga Novo lembraba ás nais, ás avoas,…que xuntas na cociña elaboraban “con ben pouco, o sustento de todos a través dos tempos”. E homenaxeounas e agradeceunas, “É tempo de celebralas, de recoñecelas, de admiralas, de miralas…como dicía a poeta Xoana Torres, -“ollos de niña nai sen eles a niña historia non ten ollos”-. Con eses ollos miro eu cara a niña infancia e vexo con nitidez o rito comunal da matanza do porco. Había festa con toda a familia xunta e a calidez da xuntanza tamén era a calidez doutro caldo, o caldo de ósos que hoxe celebramos xuntos como unha enorme familia de veciños e de amigos”.

“Porque un pode ser feliz cunha pouca auga fervida e ósos de marrao e pataca e charouvía,…porque unha pode ser feliz remexendo a memoria canda vós como un canto colectivo e popular que ascende como o testo da pota posta ao lume. A poesía existe para dar fe desta beleza, para dar testemuño de que o aparentemente significante contén en si mesmo coma un átomo toda a fermosura que existe”, aseguraba a poeta que presentaba así o poema co que pecharía a súa intervención, “Na memoria do rito comunal da mantanza escribín un poema na honra das nosas xentiñas que recolleron o sangue, remexeron a zorza, pero non comeron o xamón porque facían falta os cartos na casa e pasaron fame e pasaron frío. Delas e deles vimos”.

Festa Caldo de Ósos 2025 pregón / XdL

“Non hai día como o día da parta onde as mulleres fan todo o necesario para deleitar o noso padal. A receita require de tempo, ten que facerse lento, do agarimo das cociñeiras e do legado”, e iso degustaron os participantes na Festa. O Caldos de Ósos ofrecido polo gremio de hostalaría de Taboada.

A xornada completouse co obradoiro “Culleres foliadeiras” e cunha cata maridaxe a cargo de Suso Costela, o Caldo de Ósos con DO Ribeira Sacra. Ás 21:30 na praza de Riazón houbo degustación gratuíta de produtos do porco, para rematar con verbena a cargo da Orquestra Saudade.

ÚLTIMAS

Fernando Romay pregoará a XLIII Feira do Viño de Quiroga

Romay acadou a prata coa selección española de baloncesto nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles...

Case 1.300 persoas participarán do Desfile do Martes de Entroido en Monforte

No gran Desfile e Concurso de Comparsas e Disfraces do Martes de Entroido que...

O Goberno financia proxectos que levarán a fibra óptica a máis de 1.200 familias de Láncara

O delegado do Goberno visitou este sábado o municipio de Láncara onde supervisou xunto...

Centos de asistentes ás representacións do Desfile de Comparsas de Chantada

Máis de 300 persoas participaron no Desfile de Comparsas deste sábado, 1 de marzo,...