HomesociedadePremio ao mellor deseño para o IES Daviña Rey na 'Liga Make...

Premio ao mellor deseño para o IES Daviña Rey na ‘Liga Make Drone 2025-26’

A proba principal do reto consistiu en deseñar e construír un sistema dron para levar a cabo tarefas de mantemento en altura que supoñen un risco para a vida das persoas. O deseño presentado polo centro de ensino monfortino estivo guiado por tres premisas: sinxeleza, eficacia e facilidade de manexo.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O IES Daviña Rey vén de participar na “Liga Maker Drone”, un encontro competitivo con 18 centros de toda Galicia organizado pola Fundación Barrié e o ITG Centro Teconolóxico de Galicia. Era a súa 5ª participación, tantas como edicións ten o concurso e acadou o ‘Premio ao Mellor Deseño’, un recoñecemento que acolleron con gran satisfacción pois premia a implicación e traballo en equipo de profesores e alumnado.

A Liga Maker Drone ten como obxectivo, comentan dende a dirección do Daviña Rey, “estimular a creatividade e o interese pola tecnoloxía a través do deseño dun dron cunhas características específicas adaptadas a unha necesidade actual como pode ser recoller lixo do océano ou neutralizar niños de velutinas”. Nesta edición, o reto estaba relacionado cos traballos en altura.

DESENVOLVEMENTO DA LIGA MAKER DRONE

Desde que se presenta o reto ata que se pon a proba o funcionamento do dron, os equipos teñen uns 7 meses para idear, deseñar, implementar e programar un dron, de xeito que se poida realizar o reto proposto no menor tempo posible. Así, logo, o pasado 30 de outubro, os alumnos/as de 2º ESO: David, Salva, Aitor, Daniela, Ari, Paula, Javier e Diego, acompañados dos profesores Pablo Blanco Quiroga e Ulpiano Puga Quintana, acudiron á presentación e inicio da Liga. Nesta xornada, participaron en diversos obradoiros tecnolóxicos e ao final foilles desvelada o proba raíña deste ano: deseñar e construír un sistema dron para levar a cabo tarefas de mantemento en altura que supoñen un risco para a vida das persoas. E para executar a devandita proba, o reto formulado constaría destas 2 fases eliminatorias (sen poder pasar á 2ª sen ter superada a 1ª):

1ª fase: Lanzar un chorro de auga en 4 puntos determinados dunha hélice en movemento que simulaba un aeroxenerador (no centro das aspas e na súa intersección).

2ª fase: Trasladar caixas de ferramentas (simuladas) situadas en altura do outro lado da aspa ata o chan e colacalas dentro dun colector. Para acceder ás caixas, había que conducir primeiramente o dron por entre as aspas en movemento do aeroxenerador anteriormente mencionadas.

Coñecido o reto comezou o proceso de deseño dos mecanismos que permitirían desenvolver a proba, transcorrendo varios meses nos que alumnado e profesorado demostraron implicación e traballo en equipo, “con moitas horas de prácticas e probas fallidas ata que por fin o sistema funcionou”, salientan dende o centro.

E foi o pasado 8 de maio cando chegou o momento da verdade, o día no que os 18 centros participantes presentaron os seus drons poñéndoos a proba no Coliseum da Coruña para intentar optar ao premio de gañador absoluto da Liga Make Drone e aos outros 4 premios en xogo: o premio ao mellor deseño, a solución máis disruptiva, a mellor pilotaxe e a mellor presentación do proxecto. O IES Francisco Daviña Rey gañou o premio ao mellor deseño, un galardón moi merecido non só polo esforzo realizado este ano polo equipo participante, senón pola traxectoria seguida ao longo dos 5 anos de participación na Liga.

Coliseum da Coruña. Liga Maker Drone 2025-26. Foto: IES Daviña Rey.
O SISTEMA DRON DO IES FCO DAVIÑA REY

O dron do centro de ensino monfortino, explican dende o equipo de traballo, “estivo guiado por tres premisas: sinxeleza, eficacia e facilidade de manexo. Para lanzar o chorro de auga, empregouse unha bomba impulsora de auga que a levaba desde un depósito ata unha pequena pértega con boquiña calibrada a cal permitía un lanzamento preciso e estable e, para a captación de caixas de ferramentas, unha escuadra fixa e outra móbil, accionada mediante piñón-cremalleira movido por un servo e dous finais de carreira, con dúas esponxas adhesivas na súa parte inferior para evitar o deslizamento das caixas. Para mellorar a precisión, dotouse o sistema dun láser horizontal e doutro vertical e dunha cámara que permitía a visión directa do proceso. Todo isto ensamblado na estrutura do dron base”.

ÚLTIMAS

Queres que a túa idea se faga realidade? Recta final para participar no Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra segue buscando iniciativas de emprendemento e...

O Courel pedalea por Palestina

A cita do 17 de maio está promovida por We Rise como parte da...

O rural galego como motor industrial a debate no encontro que Cesuga organizou en Sober

A cita que reuniu a unha ampla representación de persoas vinculadas coa empresa, institucións,...

Prata para Sara Pérez Pallín do Club Atletismo A Gándara no Campionato de España

A gran noticia do torneo chegou da man de Sara Pérez Pallín, quen se...