HomesociedadeMonforte celebra o 8M cunha ampla programación e homenaxeando ás lavandeiras do...

Monforte celebra o 8M cunha ampla programación e homenaxeando ás lavandeiras do Cabe

A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, deron a coñecer este xoves o programa deseñado polo Concello arredor do 8 de marzo, Día internacional da Muller.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Desde o 5 de marzo e ata o día 14, o CIM desenvolverá unha campaña informativa e de concienciación arredor do 8M. Tal e como se fixo dende o Concello en campañas como o 25-N, instalarase un vinilo no Bus Urbano municipal, co obxectivo de sensibilizar á poboación monfortina e facer un chamamento a participar na concentración do 8M. Nesa xornada iluminarase de cor malva a Torre da Homenaxe co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.

O acto central conmemorativo do “Día Internacional da Muller” terá lugar o sábado 8 de marzo ás 12:30 horas no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes, espazo no que se inaugurará un Mural en homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe realizado pola artista Xoana Almar, a cal nestes días está a rematar de pintar dito mural.

“Con este mural quixemos render unha homenaxe ás nosas mulleres lavandeiras de Monforte, que realizaban este traballo tan duro e tan necesario na vida daqueles tempos e, como de costume, era tan pouco valorado”, explicou Margarita López, quen describiu tamén en que consiste o mural.

O formato horizontal do muro do Espazo do Cuadrado determinou a composición de Xoana Almar: unha fileira de mulleres nun primeiro plano lavando no río. O estilo ten relación coa pintura de Xosé Vizoso, artista gráfico de Mondoñedo, recentemente falecido, a través da composición formada por figuras sinxelas e expresivas.

Tras a inauguración do mural adicado ás lavandeiras, procederase á Lectura do Manifesto, que correráa cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade. E tras el, repartirase entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado coa imaxe do Mural, en concreto, libretas e bolsas de tela.

Tanto o Mural como o material de sensibilización están financiados con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2024.

Obradoiros para o alumnado

Como en pasados anos, o Concello segue ideando obradoiros tanto para alumnos e alumnas de Primaria coma de Secundaria, dado o éxito e a efectividade que teñen entre o estudantado.

Para os alumnos e as alumnas de 6º de Educación Primaria, “organizamos un  Escape Room Virtual titulado “Bruxas e Meigas en Serra da Veiga, que ten por obxectivo promocionar a igualdade efectiva entre mulleres e homes a través dunha aproximación histórica ao fenómeno da caza de bruxas e o movemento feminista” destacou a Concelleira de Muller e Igualdade..

Na actividade, que terá lugar os días 10, 11, 12 e 13 de marzo, participará o alumnado de 6º de Primaria dos Escolapios, do Ferroviario, do Torre de Lemos, do Colexio A Gándara, do Colexio Novo e do CEE Infanta Elena.

Respecto do alumnado de Educación Secundaria, desenvolveremos co alumnado de 2º ESO un Obradoiro titulado “Convivencia dixital en igualdade: como previr a violencia de xénero” no que se lle explicará ao alumnado son as oportunidades que nos brindan e que riscos poden presentarse ao facer uso de internet e outras tecnoloxías. Así mesmo, farán prácticas saudables e reflexivas, así como as medidas para evitar conflitos e adquirir competencias en materia de igualdade.

A actuación será levada a cabo por Pantallas amigas, unha entidade que nace no ano 2004 coa misión da promoción do uso seguro e saudable da internet, así como o fomento da cidadanía responsable na infancia e na adolescencia.

A actividade desenvolverase os días 10, 11 e 12 de marzo nos Escolapios, Ferroviario, Torre de Lemos, e nos institutos de A Pinguela e Daviña Rey.

Actividades para todos os públicos

O martes, 11 de marzo, ás 20:00h no Salón de actos da Casa da Cultura “Lois Pereiro” realizarase unha charla informativa dirixida ás familias, persoal docente e público en xeral a cargo de Pantallas Amigas,  terá como obxectivo ofrecer unha perspectiva educativa e analizar medidas de prevención que nos permitan acompañar aos nosos fillos e fillas dende a educación dixital positiva para facer fronte ás situacións de risco derivadas do uso da Internet, móbiles e outros servizos e tecnoloxías conectadas, así como os hábitos de uso e os beneficios que estes aportan.

O domingo, 9 de marzo, ás 18:00h. no Salón de Actos da Casa da Cultura levarase a cabo un espectáculo de maxia educativaA igualdade non ten truco da compañía profesional de ilusionismo Magia en la Manga, que terá unha duración de 60 minutos, con entrada gratuíta e irá dirixida ao público familiar.

Finalmente, o xoves, 13 de marzo, ás 20:15h no Edificio Multiusos terá lugar unha nova cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. En colaboración coa Concellería de Cultura desenvolverase a representación teatral As Alumnasa cargo da Compañía Culturactiva.

Datos do CIM de Monforte

No ano 2024 realizáronse 1.713 consultas no Centro de Información á Muller de Monforte, nas áreas xurídica, psicolóxica, de atención a vítimas de violencia de xénero, orientación de emprego ou recursos. Foron 219 mulleres atendidas a través destas 1.713 consultas. En 2023, foron 1.536 consultas, sendo atendidas 203 mulleres.

No que vai de ano 2025, ata principios de marzo, realizáronse 316 consultas.

ÚLTIMAS

Palestra con Fayez Badawi sobre a loita do pobo palestino, o 24 de marzo en Monforte

O evento contará coa intervención de Fayez Badawi, ex portavoz da Fronte Popular para...

O PP da Pobra do Brollón pide maior planificación das obras

Teddy López realiza esta petición despois de ver como esta semana foron moitos os...

Abre a tempada de Rutas Fluviais na Ribeira Sacra con 15.453 reservas

A tempada 2025 das rutas fluviais pola Ribeira Sacra comeza cunha gran acollida por...

3CUMIOS, levando o nome da Ribeira Sacra ao máis alto

A Expedición Huascarán 2025 levaraos á Cordilleira Branca en Perú, a unha altitude de...