HomesociedadeXornal de balde como agasallo de benvida

Xornal de balde como agasallo de benvida

A librería Pelayo de Monforte de Lemos estrea xerencia e terá un presente cos clientes que pasen por alí o vindeiro luns 7 de xaneiro. Falamos con Rocío, máis coñecida como ‘Peruchela’, sobre este novo proxecto.

Publicado o

- Advertisement -

As librerías non son, hoxe por hoxe, un dos negocios polos que aposten máis os emprendedores. Os baixos índices de lectores, o comercio dixital e o auxe dos libros electrónicos está facendo moito dano ao sector.

Aínda así, sempre hai xente que se atreve, xente con ilusión, con ganas de aportar cousas novas e ofrecer un servizo necesario para a sociedade. Este é o caso de María del Rocío, alias “Peruchela”, unha muller coñecida na contorna de Lemos pola súa creatividade aplicada a diferentes actividades como a divulgación etnográfica, a fotografía e tamén a informática. Ten feito numerosas exposicións fotográficas sobre oficios e aldeas galegas, realizado reportaxes sobre festas e celebracións e tamén deseña páxinas webs. As aptitudes anteriores servíronlle e sérvenlle para crear e xestionar unha das webs particulares con maior seguimento a nivel mundial no eido da etnografía galega, aldeas galegas. A partir deste luns terá unha nova ocupación, libreira.

Peruchela nunha das súas exposicións de fotografía. Foto: Mª del Rocío.

Como che deu por coller unha librería?

O conserxe do IES A Pinguela comentoume que se traspasaba a Librería Pelayo e intereseime polo tema. Actualmente non estaba empregada e era unha oportunidade boa de emprender.

Estratexia comercial ‘continuista’ ou pensas darlle algún cambio?

A ver. Como librería e papelería estas funcións está claro que as teño que manter. Tendo un Instituto en fronte con máis razón, libros de texto, material escolar, prensa e libros vou seguir tendo.

Xa. Pero ademais desas liñas de venda, algún enfoque diferencial?

Teño en mente, aproveitando os meus coñecementos en fotografía e informática, ofrecer impresións de libros fotográficos e algún material especializado sobre informática e deseño web. Ah, e tamén incorporar material relacionado co cómic.

Vas apostar pola banda deseñada?

Si, coa axuda da miña filla imos crear unha sección especializada en “comic manga” que en Monforte non hai moita oferta neste eido.

Algún proxecto máis de medio ou longo prazo para a librería?

De cara ao verán quería crear, a ver se me dá tempo, unha tenda virtual vinculada á librería. Hoxe é o futuro e hai que abrir canle de vendas tamén por aí.

Un mundo novo para ti o de rexentar unha librería?

Pois si, pero ganas non me faltan. Son traballadora e gústame dar sempre un bo servizo aos clientes. Sobre literatura non estou moi posta pero xa me deixarei aconsellar.

O luns día 7 a tope xa. Tomas as rendas oficialmente e ofreces un agasallo aos clientes, non?

Si, é un agasallo de benvida. Aqueles que veñan á Librería Pelayo o luns terán un xornal gratuíto. Que xornal levarán… é xa unha sorpresa. Espero ter xornais para todas/os e que aqueles que veñan repitan (risas).

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...