HomesociedadeO IES Francisco Daviña Rey premiado no Concurso de Carteis do programa...

O IES Francisco Daviña Rey premiado no Concurso de Carteis do programa ‘Recíclate con Sogama’

Conseguiu o galardón, cunha dotación económica de 1.500 euros, na modalidade de educación ‘Secundaria e Formación Profesional’.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O centro de ensino monfortino IES Francisco Daviña Rey, e o CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense, veñen de ser premiados no marco do concurso de carteis integrado no programa “Recíclate con Sogama” 2024-2025 canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. O colexio ourensán participaba na modalidade de educación Primaria e o de Monforte na de educación Secundaria e Formación Profesional.

Cada centro recibirá unha dotación económica de 1.500 euros, que deberá destinar a material e/ou accións educativas.

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Reciclaxe, que tivo lugar o pasado 17 de maio, Sogama fixo públicos estes premios co fin de transmitir o compromiso da comunidade educativa coa xestión sostible dos residuos en xeral e a reciclaxe en particular.

Un xurado conformado por representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e Sogama, foi o encargado de avaliar as candidaturas e elixir os gañadores dos mellores traballos en base a parámetros tales como a calidade do cartel, a creatividade e orixinalidade, a mensaxe transmitida e a claridade na redacción do texto explicativo para facilitar a súa comprensión.

O obxectivo deste concurso é precisamente promover o interese do alumnado pola reciclaxe dos residuos municipais e que, a través da súa imaxinación, expresión e  dotes artísticas, difunda as súas bondades para a protección do medio ambiente e a saúde.

A OBRA GAÑADORA DO IES FRANCISCO DAVIÑA REY

O traballo do instituto monfortino reproduce a imaxe dunha muller abrazando o planeta co símbolo da reciclaxe, utilizando para isto unha gama de cores na que destaca o verde. No texto que acompaña o debuxo (“Reciclar é dar unha segunda vida aos recursos, protexendo o planeta para as xeracións futuras”) explícanse as vantaxes da reciclaxe na redución da produción de residuos, no aforro de enerxía e a posible diminución dos custos de produción para as empresas.

Dende a dirección do centro explican que, “aínda que o premio é un recoñecemento ao traballo desenvolvido polos grupos participantes no Plan Proxecta Recíclate con Sogama, a autora do debuxo que seleccionou o centro para enviar ao concurso foi Ainara Pol Marín”.

O debuxo premiado. Autora: Ainara Pol.
“Recíclate con Sogama” 2024-2025

Trátase dun programa educativo promovido por esta empresa pública cuxo obxectivo principal é instaurar e fomentar a recollida selectiva de residuos nas aulas e propiciar que as boas prácticas se trasladen aos fogares.

Con tal fin, Sogama achegou aos centros participantes, tanto de Primaria como de Secundaria e Formación Profesional, distintos medios materiais e didácticos para que poidan levar a cabo os seus proxectos, que son supervisados periodicamente por educadores ao servizo desta empresa pública a fin de orientar os seus enfoques e resolver posibles dúbidas.

ÚLTIMAS

6 compañías do sur da provincia no Circuíto de Teatro Afeccionado que ten en marcha a Vicepresidencia da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación ten en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro...

Cortes de tráfico este 6 de outubro na Avda de Galicia de Monforte por obras de asfaltado

Esta actuación forma parte da mellora da Avenida de Galicia e a rúa Chantada...

Pantón comeza este 6 de outubro unha nova tempada de “Por que nos xuntamos os homes?”

En novembro do pasado ano o Concello de Pantón desde o departamento de Servizos...