A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, mantivo esta tarde unha xuntanza con alcaldes e responsables locais de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober para avanzar nesta cuestión, que terá carácter “pioneiro” dentro de Galicia, segundo destacou Gómez.
Nesta liña, a conselleira subliñou que a posta en marcha desta medida foi consensuada cos propios concellos e que ten como obxectivo favorecer a recuperación da terra agraria nesta área, no marco dunha infraestrutura de gran dimensión como é o regadío do Val de Lemos. Nesta zona conflúen unha serie de factores que dificultan o aproveitamento da terra, como son a fragmentación da propiedade, o abandono paulatino da actividade agraria ou a existencia de plantacións en zonas de elevada aptitude agropecuaria.
Esta situación repercute directamente na falta de aproveitamento do regadío e, polo tanto, na falta de produtividade da terra. Co fin de reverter esta dinámica, os devanditos catálogos -contemplados na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- “constitúen unha ferramenta de referencia para a ordenación dos usos do solo rústico. Serven tamén como base para procesos de mobilización de terras, para a declaración de zonas de actuación prioritaria, a creación de polígonos agroforestais ou como incentivos e axudas para a recuperación da terra”, destacan.
Asegura, que “se trata de documentos dinámicos, que se actualizarán periodicamente e que permitirán definir a distribución idónea dos solos agropecuarios e forestais sobre o territorio en función da súa aptitude actual e potencial, mediante unha análise de factores físicos, ambientais, estruturais e socioeconómicos. A súa finalidade, polo tanto, é a de procurar que cada aproveitamento se implante nos terreos máis axeitados”.
Neste contexto, destacou o compromiso do Goberno galego co futuro desta zona e cos regantes, destinando nos orzamentos deste ano, 600 mil euros para impulsar as súas infraestruturas.”Hai potencial para desenvolver o regadío e as actividades agrogandeiras e forestais nesta zona, pero cómpre realizar ese traballo previo de ordenación do territorio, para o cal os catálogos parciais son unha ferramenta da máxima utilidade”.

Reunión Val de Lemos / Consellería Medio Rural