IniciosociedadeNaufraga o Paradiso?

Naufraga o Paradiso?

A realización da VIII edición do Festival do Paradiso, que se celebraría en setembro, en situación de incerteza ao non aprobarse os orzamentos municipais de Monforte e estar “conxeladas” as subvencións nominativas.

Publicado o

- Advertisement -

Desde a Asociación Náufragos do Paradiso, organizadora do Festival, veñen de remitir un comunicado explicando a situación de incerteza na que se atopan. Lembran que o Festival é “Unha oportunidade de converter a cidade nun dos epicentros musicais de Galicia. Traendo grupos destacados a nivel galego e estatal. Fomentando a participación dos grupos musicais e artistas da Ribeira Sacra, de gran potencial, que loitan por abrirse paso cara as súas propias metas. Este Festival destacouse asemade, por ser de balde, para que os cartos non sexan limitación para poder gozar dunha longa noite de festa. Cremos que o Festival do Paradiso é patrimonio de todas as persoas de Monforte, superando os límites da nosa propia Asociación Cultural.”

Adrián Casanova / Náufragos do Paradiso

En Xornal de Lemos conversamos co secretario de Náufragos, Adrián Casanova Chiclana.

Como se financia o Festival?

A aportación máis importante é a subvención nominativa do Concello de Monforte de 3.800 euros, despois está o patrocinio dos locais, todo o que se xera arredor do Festival como merchandising, rifas, o bar o día do Festival, as cuotas dos socios,…

Que orzamento adoita ter e que importancia ten a subvención nominativa do Concello?

Ao redor de 10.000 euros, algo menos, é o presuposto que vimos manexando para a organización do Festival. A aportación do Concello de 3.800 euros supón o 40% máis ou menos. O ano pasado cobramos a subvención en decembro, pero sabiamos que contabamos con ela aínda que teñamos que adiantar os cartos para xustificala. Pero é unha parte segura, porque o día de Festival pode facer mal tempo e recadas moito menos. Que pasa nesta ocasión?, que non sabemos tampouco se contamos coa aportación do concello ata que pasen as eleccións.

Cando adiotades comezar a preparar todo?

A comezos de ano, e por marzo abril falamos cos grupos. Soemos pechar o cartel en maio. Este ano non temos moi claro que criterio seguir e que facer. Deuse esta situación nas anteriores eleccións e arriscouse moito. Salvouse no último momento e non queremos volver a pasar por iso. Facéndoo poñeriamonos en risco. Pensamos outras vías de financiamento, outros patrocinios, máis actividades,… estamos nun punto morto.

Festival do Paradiso / Náufragos do Paradiso

A Asociación nace no 2011, que máis facedes ademais do Festival?

O primeiro obxectivo sempre foi o Festival que comezamos a celebrar no 2012. Sempre entendemos que en Monforte tiña que haber un Festival. Organizamos tamén as Náufrago Olimpiadas de xogos de mesa e videoconsolas, temos feito programas de poadcast, eventos literarios, ciclos de cine, concertos pequenos, o recital poético na Feira Medieval,…

Na vosa Asociación sodes unhas 200 persoas, como ves o panorama cultural, que papel xogan asociación como a vosa?

As asociacións teñen un papel dinamizador fundamental, trabállase por amor ao arte. Se o mesmo Festival o fixera unha empresa privada custaría máis porque a empresa cobraría. A nós gústanos organizalo e gozalo, traballámolo de balde.

E queremos que para a xente sexa de balde, accesible, participativo, que non sexa só o que nós decidamos, que a xente participe, aporte opinión, ideas,… A nosa organización parte de compartir, é un ambiente moi positivo, moi diferente ao dunha empresa, con dinámicas positivas, coñeces xente con intereses comúns.

Que público adoita ter o Festival?

Vense moitas caras coñecidas ao longo dos diferentes festivais. Hai un público fiel, e logo sempre hai xente nova, segundo os grupos que veñan, xente que nunca estivo en Monforte e que vén porque veñen seus colegas e despois queren repetir.

De cara ao vindeiro ano entendemos que o Festival si se celebrará?

Nós no que insistimos é que en Monforte se poden facer moitas cousas. Os cartos son limitantes pero o que realmente fai falta é xente que queira facer as cousas. Eso é algo moi importante. Nós estamos encantados, pero moitos de nós co paso dos anos temos outras responsabilidades, é fundamental que veña xente nova e que se lle poida dar continuidade, independientemente de que esteamos nós ou non.

Festival do Paradiso / Náufragos do Paradiso

E esa xente nova interesada en colaborar con vós que tería que facer?

A través do Facebook de Náufragos ou do Festival, en persoa, por correo lectrónico,… Para colaborar no Festival non fai falta facerse socios. Queremos que o Festival vaia máis aló que a Asociación Cultural. Sempre no Festival temos 30 persoas dando o callo. Na barra do bar, vendendo as camisolas, tomando fotos, para recoller e montar,… Sen esa xente que colabora esto non sería  posible. Hai moitas cousas que se poden facer por poucos cartos. Esa é a mensaxe, cartos sí pero a xente é fundamental.

Que a xente sexa participativa, a nivel vital é unha experiencia moi chula. Unha das cousas das que máis orgulloso me sinto é de levar na Asociación tanto tempo e facelo realmente por amor ao arte,… sen salario, sen que me vas a dar a cambio, sen tanto esto pódoo poñer no curriculum,… que esas cousas son fundamentais, evidentemente, pero hai máis cousas aló do fundamental.

O nome, Náufragos do Paradiso, por que?

No 2011, ano no que nace a Asocación, o Día das Letras Galegas adicóuselle a Lois Pereiro e a súa única novela titulábase así. Pareceunos un nome bastante evocador, porque tamén temos ese soño de que Monforte sexa un paraíso cultural. E pareunos un nome poético, dixemos,… isto é perfecto.

 

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...