Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia de Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Consellería do Medio Rural informa este sábado pola mañá de que desde as 18.55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 2.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 36 axentes, 55 brigadas, 40 motobombas, 6 pas, 8 helicópteros e 2 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
“O lume chegou este venres a Quiroga, o que é incrible é que saltara o río Sil no encoro dunha beira á outra e seguira avanzando cara Montefurado e Cereixido pola montaña. Se o que temos en Quiroga se une ao de Valdeorras podería ser terrible con días de elevadas temperaturas, con moito fume que imposibilita o traballo dos medios aéreos. Hai xente desaloxada e os militares piden outros puntos loxísticos ademais do albergue, como os pavillóns de Quiroga e San Clodio”, explica un veciño que reside nesta zona.
Por outra banda o venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas

Lume nas proximidades de Montefurado (venres 15 noite) / XdL
Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de 16.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 127 axentes, 143 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Colaboración Consorcio Provincial de Bombeiros
O Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo informa este sábado de que reforza a súa colaboración coa Xunta de Galicia na loita contra os lumes que afectan á provincia de Ourense. Nesta xornada despregáronse tres bombas nodrizas pesadas, catro vehículos de mando e trece efectivos, dos que un sarxento permanece no parque de Monforte de Lemos coordinando o dispositivo e servindo de enlace co Centro de Coordinación Provincial de Loita contra Incendios (Cecopi), quen dirixe e organiza o operativo autonómico.
Tomé Roca informa que xa se mobilizaron efectivos, bombas nodrizas e vehículos de mando todos os días dende este martes procedentes dos parques de Monforte de Lemos, Chantada, Vilalba, Viveiro, Barreiros e Sarria. Este venres, por exemplo, estiveron traballando na zona afectada tres bombas nodrizas, dous vehículos de mando e once efectivos, permanecendo un sarxento en base para labores de coordinación.
Así mesmo, o Presidente lanza unha mensaxe de tranquilidade á provincia de Lugo: “Estamos a enviar medios para apoiar onde máis falta fan, pero facémolo asegurando que os parques da provincia sigan contando con persoal operativo para atender calquera emerxencia.”. Tamén este sábado o concello de Monforte puxo en marcha un operativo de prevención e vixiancia de incendios forestais, como apoio á loita contra incendios.

Apoio incendio Ourense Consorcio Provincial de Bombeiros
“A Ribeira Sacra arde mentres a Xunta vende fume”, FEARS esixe un referendo sobre a candidatura a Patrimonio da Humanidade
A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra manifesta a súa fonda indignación ante a vaga de incendios que, unha vez máis, devasta o territorio, “Os lumes están a golpear con especial dureza o xeodestino Ribeira Sacra e, en particular, o Macizo Central e a Serra de Queixa. Estas lapas non son só lume: son o reflexo do abandono institucional crónico e do desleixo da Xunta cara ás nosas xentes, aldeas e paisaxes”.
Aseguran desde a Federación que “o abandono non só se mide en hectáreas queimadas. A poucos días do inicio da vendima, a crise do sector vitivinícola da Ribeira Sacra continúa sen resolución algunha. A Xunta, lonxe de actuar con responsabilidade, segue sen elaborar o necesario estudo de custos de produción que evite vendas a perdas e protexa o traballo dos viticultores”.
“A Ribeira Sacra non precisa máis titulares; precisa políticas valentes, ordenación do territorio, prevención contra os lumes, apoio real ao sector agrogandeiro e vitivinícola, e servizos públicos dignos. Só así poderemos falar, con verdade, de ser Patrimonio da Humanidade”, conclúen.

Vilardevós incendio / FEARS