José Manuel Balseiro subliñou en FITUR que a Ribeira Sacra “soubo diferenciarse, crear un produto de calidade e atopar o seu sitio no mercado turístico”. Engadiu que de cara ao futuro “afronta grandes oportunidades” coa declaración de Ben de Interese Cultural, o proxecto para o recoñecemento do Xeoparque Mundial de Montañas do Courel, e o Xacobeo do ano 2021, no que o Camiño de Inverno se estreará como ruta oficial.
Segundo Balseiro, Ribeira Sacra “ofrece experiencias para todos os gustos: turismo de natureza, cultural, enoloxía e gastronomía… Unha completa oferta que debemos aproveitar para atraer visitantes durante todo o ano”.
O delegado lembrou que a Ribeira Sacra ten un protagonismo especial na oferta turística que leva a Xunta a Fitur a través de Turismo de Galicia, estando presente en iniciativas como os Trens Turísticos, propostas enoturísticas como Paseando entre viñedos, ou a presentación das tres candidaturas a Patrimonio Mundial da Unesco, Cíes-Illas Atlánticas, Ribeira Sacra e Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración.