Paradores de Turismo acometerá unha reforma integral no histórico establecemento de Monforte de Lemos co obxectivo de modernizar as súas instalacións, mellorar a eficiencia enerxética e conservar o valor patrimonial do conxunto monumental, un dos máis emblemáticos da Ribeira Sacra.
Os traballos, que comezarán o próximo 1 de xaneiro e prolongaranse durante cinco meses, manterán o establecemento pechado para reabrir en xuño ofrecendo unha experiencia máis confortable, accesible e sostible. A intervención deuna a coñecer este mércores, a presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, que destacou que este establecemento, convertido nun dos grandes símbolos da Ribeira Sacra e do patrimonio cultural galego, “encarna a esencia mesma do que representa Paradores: os nosos establecementos son moito máis que simples edificios; son gardiáns da historia, da cultura e da alma dos lugares onde se alzan”.
E asegurou que esta actuación constitúe “unha aposta polo futuro do Parador de Monforte de Lemos e polo seu papel como motor turístico e cultural de Galicia”. “Queremos seguir sendo unha referencia para a Ribeira Sacra e un punto de orgullo para todos os galegos e galegas. E por iso, en Paradores estamos a investir en Galicia”, manifestou.
As actuacións teñen un investimento global de 3,5 millóns de euros, Paradores destina unha partida de 1,9 millóns de euros para reformar as instalacións xerais de auga sanitaria e climatización, dotando ao Parador dun sistema adaptado ás necesidades do edificio, confortable e eficiente, e para renovar o cableado. Ademais, unha vez finalicen as obras de instalacións, acometerase o proxecto de interiorismo para redecorar as zonas comúns e as habitacións, con renovación de téxtiles e pantallas de lámpadas, e complementarase cun proxecto artístico que incluirá a adquisición de nova obra, achegando valor engadido ao conxunto.
Con todo, búscase unha mellora significativa no confort e a experiencia dos clientes. Para mellorar a accesibilidade, investiranse máis de 200.000 euros na modernización dos baños e na conversión das bañeiras en duchas, ademais de facer un estudo de accesibilidade universal a partir do ano que vén. “Queremos que o Parador de Monforte sexa un emblema desta preciosa cidade, non só polo seu enclave e a súa historia, senón por ser sostible, accesible e preparado para responder as expectativas do viaxeiro actual, sen perder a esencia e o respecto pola historia dos nosos edificios. Por iso, esta renovación non se limitará ás instalacións. Queremos que, unha vez reabra as súas portas, o Parador luza unha imaxe renovada e acorde con todo o que este edificio simboliza”, declarou a presidenta.
Pola súa banda, Turespaña inxectou máis de 1,5 millóns de euros no establecemento, destinados a traballos de conservación en distintas zonas do conxunto monumental. Así, reformouse a cuberta do edificio do Palacio de Alba, coa mellora do acceso á mesma para o seu mantemento, limpáronse as fachadas e vaise realizar a restauración do antigo mosteiro, con intervención nas fachadas do edificio histórico e do claustro, a conservación e mellora do sistema de acceso na escaleira principal e a restauración do tramo norte da muralla para garantir a súa conservación e poñer en valor parte deste elemento defensivo.
Finalmente, vai mellorar a iluminación das murallas. Esta actuación en Monforte de Lemos forma parte do plan estratéxico de renovación que Paradores está a desenvolver con vistas ao seu centenario en 2028. Este programa prevé a modernización de máis do 50% dos establecementos da Rede, cun investimento que supera os 250 millóns de euros, destinada a lograr unha cadea máis moderna, accesible e sostible, sen renunciar ao valor histórico e patrimonial dos seus edificios.
Tamén dentro da aposta da compañía por este establecemento, deuse un paso moi importante ao incorporar ao Parador de Monforte de Lemos á rede de Puntos Violeta.

