HomesociedadeO 4 de febreiro actívase a reserva de prazas das rutas en...

O 4 de febreiro actívase a reserva de prazas das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra que comezan o 19 de marzo

A Deputación de Lugo activa este mércores o sistema de reservas para solicitar praza nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que comezarán a nova temporada o vindeiro 19 de marzo e prolongarase ata a ponte de decembro mantendo os dous percorridos habituais polo Canón do Sil e polo Cabo do Mundo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As persoas interesadas en realizar estas viaxes poderán adquirir os seus billetes exclusivamente a través da páxina web reservas.rutasembalses.es, unha plataforma dispoñible as 24 horas do día que permite consultar en tempo real horarios, tarifas, dispoñibilidade de prazas e información práctica para planificar a experiencia. A través deste portal tamén se poden modificar ou cancelar reservas. Non se admiten reservas por teléfono nin por correo electrónico.

A institución provincial está a recibir un elevado número de consultas sobre as rutas, o que dá boa mostra do interese que xeran e consolida estas actividades como un dos principais atractivos turísticos da provincia. No pasado ano, preto de 60.000 persoas viararon descubrindo desde outra perspectiva as paisaxes e o patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra, actualmente candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO contribuíndo así á súa promoción internacional e á dinamización económica da comarca.

O sistema de reservas contempla tarifas reducidas para distintos colectivos, como xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas. Os nenos e nenas de ata 3 anos poden realizar a viaxe de balde.

Para a atención ao público e a resolución de dúbidas, a Deputación manterá habilitados os canais de información a través do teléfono 982 260 196 e do correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org, en horario de 9:00 a 14:30 horas. A partir do 17 de marzo, o horario de atención ampliarase de 9:00 a 20:00 horas.

Rutas e horarios

A nova tempada comeza o 19 de marzo e manterá os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a ruta fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín.   

No mes de marzo, as viaxes pola ruta do Canón do Sil comezarán o xoves día 19, con saídas tamén as fins de semana do 21 e 22 e do 28 e 29, en horario de mañá e tarde, ás 11:30 e ás 16:00 horas. Con motivo da Semana Santa, o servizo será ininterrompido do luns 30 de marzo ao domingo 5 de abril. Durante esas datas, o catamarán Mencía operará con saídas entre as 11:30 e as 16:30 horas, mentres que o Canón do Sil realizará percorridos entre as 11:00 e as 16:00 horas. Durante o resto do mes de abril, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta do Canón do Sil, mentres que a ruta do Cabo do Mundo contará con saídas as fins de semana.

No mes de maio, a ruta do Canón do Sil estará dispoñible de mércores a venres, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e as fins de semana ampliaranse os horarios, con percorridos desde as 11:30 ata as 17:00 horas no Mencía e desde as 11:00 ata as 16:30 horas no Canón do Sil. Con motivo da ponte do 1 de maio, as saídas realizaranse ás 11:30 e ás 17:00 horas no Mencía e ás 11:00 e ás 16:30 horas no Canón do Sil.

Durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, considerados de tempada alta, haberá servizo diario de luns a domingo, tanto en horario de mañá como de tarde, con diferentes franxas horarias en ambas embarcacións. A partir do 1 de outubro, as rutas pasarán a funcionar de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e as fins de semana engadiranse tamén percorridos ás 11:00 e ás 16:00 horas no Canón do Sil. Na ponte de outubro, o día 12 navegarán ambas embarcacións, mentres que o día 13 operará unicamente o Mencía no seu horario habitual. En novembro, o servizo limitarase ás fins de semana, con saídas do Mencía, e en decembro funcionará do día 1 ao 8, data na que finalizará a tempada.

No que respecta á Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, en xuño habilitaranse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias, ás 11:30, ás 16:30 e ás 19:00 horas. Durante os meses de xullo, agosto e ata a primeira quincena de setembro, o servizo funcionará todos os días da semana. Na segunda quincena de setembro, haberá dúas frecuencias, ás 11:00 e ás 16:30 horas. En outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e o día 12, con horarios ás 11:30 e ás 16:30 horas. En novembro, as viaxes realizaranse tamén as fins de semana, con saídas ás 11:30 e ás 16:00 horas, mentres que en decembro o servizo estará operativo do 1 ao 8, nas mesmas franxas horarias.

ÚLTIMAS

Puramel Sacra premiada nos Paris Honey Awards

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría,...

En Pantón xúntanse os homes este 3 de febreiro e o 5 Teatro Interxeracional

O Concello de Pantón desenvolve un Obradoiro de Teatro Interxeracional dentro das actividades do...

Este 3 de febreiro abre o prazo para solicitar a participación na XXII Feira Medieval de Monforte

As bases aprobadas este luns na Xunta de Goberno Local recollen o procedemento de...

O Porco Celta reivindícase en Sarria como motor económico do rural

A subdelegada participou na celebración da XVIII Festa do Cocido do Porco Celta, unha...