Conta atrás para a celebración da derradeira actividade do ‘Estase Cocendo 2026’, o “Cocido das Meigas’, evento que se desenvolverá durante toda a xornada deste sábado 21 de marzo.
Trátase dunha proposta que se está a consolidar no programa de lecer de inverno na Ribeira Sacra na que a xente participante caracterízase de meiga ou meigo e pasa unha xornada completa con diferentes actividades. A primeira delas é facer unha visita pola Ribeira Sacra que remata cun xantar de grupo na Cafetería Cardenal –prezo 25€ por persoa–, e despois haberá outras tamén moi interesantes.
Pensando nos pequenos e nas pequenas da casa, están programados uns obradoiros infantís de 12:00 a 13:00 h. en dous locais de lecer infantil de Monforte, e xa pola tarde chega o momento no que as Meigas e Meigos participantes serán protagonistas na cidade do Cabe deixándose ver polas súas rúas. No punto de encontro, nas ‘Casitas da Compañía’, farase o reparto de fachos ás 19:30 h., e a partir de aquí comezará un desfile ás 20:30 h. no que a comitiva irá acompañada de batukada anticipando o concurso de meigas. E como remate, o ‘V Aquelarre das Meigas e Festa da Noite Meiga’ con música en directo no espazo expositivo anexo á Praza de Abastos de Monforte.
COLABORACIÓN DO CENTRO COMERCIAL URBANO DE MONFORTE
O Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte colabora un ano máis co Estase Cocendo, concretamente co “Cocido das Meigas”, e no V Aquelarre das Meigas. Con motivo desta xornada especial sorteará 200€, repartidos en 10 vales regalo de 20€, entre as persoas que participen no xantar. Estes vales poderán empregarse para mercar no comercio asociado adherido a esta iniciativa.
VALORACIÓNS DENDE A DELEGACIÓN SUR DA APEHL
Falamos con Beatriz Vila, responsable da Delegación Sur da APEHL, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, para coñecer previsións e expectativas desta esperada xornada que ten ao cocido e ás Meigas como protagonistas.
“As expectativas son altas, o autobús para a excursión pola Ribeira Sacra que se fai este sábado pola mañá completouse dende hai días. Se alguén se animara a vir poderá facelo, pero xa co seu propio vehículo. Para o xantar temos 25 persoas anotadas, máis que o ano pasado, e para o Aquelarre tamén esperamos que veña moita xente”, comenta.
No que se refire á colaboración do comercio local, Vila dinos que a iniciativa do CCU co sorteo de vales de compra axuda a que establecementos asociados colaboren coa ambientación ‘Meiga’ e espera que os restaurantes tamén se sumen este sábado ás decoracións.
QUEDADA DE MOTOS, DOMINGO 15 DE MARZO
Na ‘Quedada de motos’, actividade do pasado 15 de marzo dentro da programación do Estase Cocendo 2026, participaron unhas 40 persoas chegadas de diferentes concellos da Ribeira Sacra, así como de Lalín, Vigo e Xinzo de Limia. No transcurso da ruta visitaron A Cova das Choias e despois comeron cocido no restarante La Vieja Taberna, no Concello da Pobra do Brollón. “A actividade foi un éxito, un ano máis”, refiren dende a Apehl.



