HomesociedadeTodo listo para vivir unha espectacular XXII Feira Medieval en Monforte

Todo listo para vivir unha espectacular XXII Feira Medieval en Monforte

Tal como anticipaba días atrás o rexedor monfortino, esta edición será “moi completa e cargada de animación que invadirá as rúas con música medieval, bufóns, trobadores e personaxes fantásticos durante os 2 días da feira". O Mercado Medieval contará con 140 postos espallados polo conxunto histórico e a Praza de Santo Antón.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Conta atrás para que dea comezo a Feira Medieval de Monforte, un dos eventos xa emblemáticos da cidade que atrae a milleiros de persoas coincidindo coa Semana Santa e atraídos pola espectacular ambientación e un programa de actividades que non deixan a ninguén indiferente.

Este ano alcánzase a XXII edición e esperando aínda á declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, un mérito que polo exposto en numerosas ocasións polo rexedor monfortino, José Tomé, está máis que acreditado. Mentres, o festexo supérase ano a ano coa incorporación e/ou mellora de espectáculos que forman parte do programa e mellora tamén da ambientación e decoración, que este ano xa se nota no engalanamento das rúas, fachadas, balcóns e moitos escaparates de locais comerciais que se atopan no centro e no casco histórico da cidade. E todo o anterior sen contar coa participación, tamén en auxe, da veciñanza e visitantes que se caracteriza con vestimentas medievais.

Todo a punto, e con gran expectación, para que os días 4 e 5 de abril veciñanza e visitantes gocen dunha das recreacións medievais máis importantes de Galicia e do Estado ripándolle partido todo canto poidan ao amplo e variado programa de actividades. Na páxina web do Concello de Monforte está ao completo e detallado por lugares e horarios.

ESPAZOS CLAVE DA MEDIEVAL

A PRAZA DE ESPAÑA. Base do Campamento Medieval, que é un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas, obradoiros e prácticas militares a cargo dos Cabaleiros do Ulver. Neste punto desenvolveranse algúns dos espectáculos máis vistosos da Feira, como o da inauguración, o sábado 4 ás 12.00 horas, coa salva de artillería dunha bombarda do século XIV, alborada de lume e acrobacias en teas aéreas. Este espectáculo terá lugar xusto despois do Saúdo do Alcalde que dará comezo aos festexos.

Espectáculo no Campamento romano da Praza de España (Arquivo). Foto: XMF

Desde a Praza de España sairá o sábado e o domingo ás 20.00 horas outro dos protagonistas desta edición, o GRAN DRAGÓN, inspirado nas lendas medievais da mitoloxía europea, que desfilará polas rúas da Feira acompañado polo grupo de músicos Turdión. Ás 20.30 horas do sábado partirá desta praza o pasarrúas ERRANTES con seres saídos da escuridade dos tempos; e ás 20.45h ofrecerá un concerto musical o grupo Turdión.

A Praza será escenario o domingo, ás 19.00 horas, da entrega de premios dos diferentes concursos convocados polo Concello para incentivar a participación na Feira.

PRAZA DE SAN ANTONIO. Lugar escollido para a exposición de aves de rapiña e cetrería. Esta Praza acollerá tamén o espectáculo VULCANO, que dará o peche á Feira, o domingo ás 21.00 horas, con lume e danza.

PRAZA DAS CLARISAS. Campamento infantil medieval con xogos e atraccións para os máis pequenos.

ADRO DA RÉGOA. Neste punto, ao pe do conxunto monumental de San Vicente, poderán facerse prácticas de tiro con arco e haberá postos de gastronomía para desfrutar dunha experiencia completa na Feira.

Vista aérea do Adro da Régoa. Feira Medieval 2025. Foto: XMF

CAMPO DE TERRA DOS ESCOLAPIOS. Onde se disputarán as Xustas Medievais, con torneos e exhibicións de combate o sábado e o domingo, ás 18.00h. Este espectáculo, a cargo de “Hípica Celta”, é unha das grandes atraccións da Feira, sobre todo para o público novo.

PRAZA LUIS DE GÓNGORA. (San Vicente). Espazo protagonista da noite do sábado. Ás 21.00 horas subirá desde a Praza de España un pasarrúas con tambores, bufóns e trobadores medievais para asistir a dous dos espectáculos máis vistosos da Feira: DENDE ARRIBA, con acrobacias en teas aéreas de gran formato, seguido da tirada de fogos, e SOLTA DE FAROLIÑOS de papel que se repartirán entre os asistentes para encher de luz o ceo de Monforte.

ÚLTIMAS

Quiroga e Paradela na campaña Toponomízate deste ano

Nesta edición da iniciativa divulgativa, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería...

Por Chantada lamenta que o PP votara en contra de establecer bonificacións sociais no IVTM para persoas con discapacidade e as súas coidadoras

A moción, que presentou Por Chantada, basébase na posibilidade legal que teñen os concellos...

OPINIÓN: Xenofobia ou fraude fiscal?

A polémica (parece que para algúns é o único obxectivo en política) xurdiu unha...

Quiroga será o primeiro municipio da provincia en contar cun mapa sociolingüístico escolar municipal

Henrique Monteagudo, José Luis Rivera Castro e Valentín García rubricaron o documento nun acto...