Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultura, Ángel Miramontes, o titular de Cultura da Xunta trasladoulles aos deputados as “boas sensacións” recollidas ao longo de todo o proceso, iniciado en 2017, de cara á consecución deste recoñecemento internacional. Puxo en valor a implicación dos 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense que abranguen este territorio e fixo especial fincapé no “total apoio recibido polo embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, e o traballo plenamente coordinado co Ministerio de Cultura para afrontar xuntos este ilusionante reto”.
Na presentación, o conselleiro explicou que, ao longo deste proceso, a Xunta proxectou Ribeira Sacra: Paisaxe da auga baseándose nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio. En concreto, salientou como se ten difundido esta paisaxe “construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, remarcou. Deuse conta dos preto de 8 M€ que a Administración autonómica ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio nestes últimos anos.
O conselleiro asegurou que a candidatura entra “unha etapa decisiva”, da que trasladou que a Xunta se enfronta coa “tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, incidiu.
Unha vez que o traballo técnico está completo, López Campos avanzoulles aos deputados que, nestes meses que quedan ata “a gran cita” de xullo, Xunta e Goberno central “van seguir traballando arreo e de xeito coordinado”. Así, adiantou que, de forma paralela ao traballo diplomático que está realizando o embaixador de España ante a Unesco, desde a Xunta vaise impulsar unha “intensa promoción” do territorio da Ribeira Sacra. “Un pasos que se suman ao traballo xa realizado e do que debemos sentirnos satisfeitos”, asegurou ao tempo que indicou que, por estas razóns, “se confía en que a Ribeira Sacra se faga en Busán co merecido e honroso recoñecemento internacional”, concluíu.
Esta declaración na Comisión de Industria foi solicitada polo deputado lucense e portavoz de Industria e Turismo do Grupo Popular no Congreso, Francisco Conde, como apoio a “unha iniciativa para proxectar un dos patrimonios culturais e paisaxísticos máis relevantes do país”. Conde avoga por “unir os esforzos de tódolos grupos que formamos parte do Congreso en torno a unha candidatura que será a única que presente España ante o Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO o vindeiro mes de xullo”.

Ribeira Sacra comisión industria / Consellería de Cultura
Este mércores, José López Campos deulles a coñecer os “atributos únicos” da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial a embaixadores dos 21 países que avaliarán a proposta na Comisión da Unesco que se celebrará en xullo en Corea do Sur. Fíxoo nun acto promocional na Casa de Galicia en Madrid, no que participou o ministro de Cultura, Ernest Urtasun e ao que acudiron rexedores locais.

Ribeira Sacra embaixadores / Consellería de Cultura

