O Concello de Bóveda vén de anunciar a convocatoria para participar no concurso gráfico que busca escoller a imaxe gráfica da XXII Feira Outrora de Rubián, unha das celebracións máis emblemáticas do municipio.
Respecto das condicións máis importantes que deben reunir as propostas, segundo se especifica dende a organización, sinalar que as obras deben ser orixinais e inéditas, teñen que “recrear un mercado tradicional galego de finais do século XIX ata mediados do século XX”, e os gañadores ou gañadoras dos últimos dous anos non poden presentarse. A gañadora ou gañador recibirán un premio de 500 € (impostos incluídos) e o prazo para presentar deseños remata o día 20 de maio. A presentación de carteis farase por correo ordinario ao Concello de Bóveda ou a través do enderezo electrónico cultura@concellodebóveda.com
OUTROS DETALLES DAS BASES
Estarán admitidas as obras de menores de 16 anos con autorización dalgún representante, sexa pai, nai ou titor eas obras deberán incluír o texto seguinte: XXII Feira de “Outrora”, Rubián, Bóveda e 14 de xullo de 2026.
Respecto da presentación –que se pode facer en persoa, por correo ordinario ou por correo electrónico–, as obras non poden levar nome, sinatura ou distintivo do autor ou autora. Presentaranse baixo lema ou pseudónimo e informarase de xeito oculto dos datos persoais do creador ou creadora.
O xurado estará presidido pola concelleira de cultura e formado polas persoas que ela designe, podendo declararse deserto o concurso no caso de alcanzar os carteis presentados un mínimo de calidade. Valoraranse, entre outros detalles, a relación do cartel coa temática da feira, a creatividade, o impacto visual e a calidade técnica e artística.
Os carteis presentados a concurso poderán expoñerse ou reproducirse por parte do Concello de Bóveda sen xerar ningún dereito retributivo para a autora ou autor. Neste senso, o concello tamén se reserva os dereitos de reproducción do cartel gañador para poder difundilo polos medios de publicidade que estime oportunos sen que o autor poda reclamar dereitos ao respecto.


