HomesociedadeO IES Daviña Rey participa na 'Liga Maker Drone', unha competición de...

O IES Daviña Rey participa na ‘Liga Maker Drone’, unha competición de drons única en Galicia

O reto deste ano consiste en programar, deseñar e construír un sistema dron para facer traballos en altura e terá lugar o día 8 de maio do Coliseum da Coruña. O equipo do centro monfortino competirá con outros 17 máis de toda Galicia.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A coñecida como Liga Maker Drone é a primeira competición escolar do estado que propón o reto de deseñar e programar un sistema dron para darlle solución a algún problema social ou laboral actual. A deste ano será a quinta edición, celebrarase no Coliseum da Coruña e participarán 18 equipos de 2º da ESO de outros tantos institutos galegos. O desafío tecnolóxico poñerá a proba a súa creatividade, enxeño e capacidade de traballar en equipo.

Para coñecer máis detalles falamos con Pablo Blanco, coordinador da Liga Maker Drone e profesor de tecnoloxía do IES Francisco Daviña Rey, único centro que participa representando ao sur de Lugo.

O RETO DA ‘V LIGA MAKER DRONE’

O desafío formulado para este ano é programar, deseñar e construír un dron para minimizar accidentes laborais en traballos en altura que supoñen un alto risco para a vida das persoas.

Segundo nos explica Pablo Blanco, para demostrar que os sistemas aplicados ao dron fan posible que este poda realizar tarefas de mantemento en altura deseñáronse dúas probas. A unha certa altura haberá un aeroxenerador con 3 aspas e o reto consistirá en superar dúas probas nun prazo de tempo de tres minutos. Unha delas consistirá en facer voar o dron e conseguir meter un chorro de auga polo oco dalgunha das aspas, e a outra en facer que o dron enganche entre as aspas unha pequena caixa de ferramentas e baixala ao chan.

Aeroxerador que se emprega no IES Daviña Rey para facer as probas. Foto: XdL

“Este ano pasáronse co reto”, afirma o profesor de tecnoloxía do IES Daviña entendendo que o desafío ten unha gran dificultade e pode xerar certa frustración se os equipos non poden superalo.

Os equipos participarán en roldas eliminatorias e os tres mellores disputarán a final. Haberá 5 premios que se outorgarán do seguinte xeito: un para o gañador da liga e os outros catro para o mellor deseño, para a solución máis disruptiva, para a mellor presentación e para a mellor pilotaxe.

Preguntámoslle ao noso interlocutor se houbo moitos ensaios para que o equipo vaia ben preparado, e afirma que si, se ben insiste en que “a pilotaxe é moi complicada porque todo é manual, non hai GPS e a estabilización é moi difícil”. “Hoxe mesmo fixemos unha proba e funcionou ben a solución que adoptamos”, engade. Insiste en que o reto é moi difícil, e máis sabendo que hai participantes que ademais da preparación da Liga Maker Drone practican durante o ano en probas de pilotaxe máis sofisticadas.

OS EQUIPOS

Segundo as normas, os equipos terán un mínimo de 7 e un máximo de 10 integrantes, distribuídos entre 6-8 titulares, 1 coordinador (profesor-titor) e un mentor (opcional). No caso do IES Daviña Rey serán 8, con 4 compoñentes principais; dous para facer a presentación do sistema que desenvolveron (portavoz e segundo portavoz); e outros dous para desempeñar as funcións de piloto e copiloto.

Os centros educativos teñen liberdade de elixir, segundo os seus propios criterios, os integrantes dos seus equipos, así como asignar entre eles as funcións de: piloto, copiloto, portavoz e segundo portavoz, responsable de deseño, etc.

Para escoller a figura do piloto e do copiloto, dinos Pablo que o monitor dá as sesións de voo previas e de aquí saen os mellor preparados: “collemos aos que máis aptitudes lle vemos”.

Liga Make Drone (arquivo). Foto: web LMD
VALOR ENGADIDO DESTA COMPETICIÓN ESCOLAR

Esta iniciativa achega valor tanto ao centro que participa como ao propio alumnado. Para o centro, explica Pablo, esta actividade ofrécelle a posibilidade de afondar na materia de tecnoloxía e participar en actividades que complementan a formación; e ao alumnado permítelle aprender electrónica, pilotaxe, programación e mecanismos. E non só o anterior, os participantes fomentan a creatividade e o enxeño ademais de aprender a ser disciplinados e traballar en equipo.

A Liga Make Drone é un proxecto da Fundación Barrié e o ITG Centro Tecnolóxico.

ÚLTIMAS

Queres que a túa idea se faga realidade? Recta final para participar no Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra segue buscando iniciativas de emprendemento e...

O Courel pedalea por Palestina

A cita do 17 de maio está promovida por We Rise como parte da...

Premio ao mellor deseño para o IES Daviña Rey na ‘Liga Make Drone 2025-26’

O IES Daviña Rey vén de participar na "Liga Maker Drone", un encontro competitivo...

O rural galego como motor industrial a debate no encontro que Cesuga organizou en Sober

A cita que reuniu a unha ampla representación de persoas vinculadas coa empresa, institucións,...