A Xunta de Goberno Local de Monforte deu luz verde á licitación destes tres proxectos, que se suman aos dous licitados a semana pasada, correspondentes á Avenida de Galicia-Rúa Chantada e á Rúa Vigo, e que xa se atopan en proceso de presentación de ofertas. As novas licitacións publícanse este martes na Plataforma de Contratación Pública e o prazo para presentar ofertas nos tres procedementos finaliza o 15 de xuño. Os prazos de execución, nos tres casos son de 1 mes.
Rúa Leopolodo Calvo Sotelo. Mellorarase o firme e a sinalización dunha das principais vías de conexión do barrio da Estación co centro urbano e de saída cara a N-120 en dirección Castro Caldelas, Ponferrada ou Ourense. Esta rúa forma parte da rede viaria municipal do Concello de Monforte, logo da recente cesión da titularidade por parte da Xunta de Galicia, publicada no DOG o pasado 22 de febreiro.
A intervención afecta a un tramo de 905 metros de lonxitude da vía desde o cruce coa rúa Roberto Baamonde ata a Praza da Estación. O ancho medio é de 9,38 metros, cunha superficie total de actuación de 8.895m². A actuación consiste no fresado de toda a superficie e reparación dos afundimentos centrais que presenta na metade final cara a Estación, mantendo os redutores de velocidade. Unha vez renovado o firme procederase á nova sinalización. O investimento na rúa Calvo Sotelo ascende a 182.735,41 euros.
As obras proxectadas en Zona Montepando-Bouza Brey consisten na rexeneración do firme dun total de 1.200 metros de firme, cun ancho medio de 4,02 metros e unha superficie total de 4.820 m². Segundo explica o Alcalde, acondicionarase unha pista, “que na práctica son 3, que comeza xunto ao paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure e discorre en forma de Z ata chegar á rúa Reboredo, xunto ao paso a nivel do Reboredo”. Neste traxecto inclúense tamén dous ramais que dan servizo a casas illadas desa zona, cruzando a N-120 por pasos inferiores. Con esta intervención, que vai consistir en aglomerado en quente e sinalización, “quedarán arranxadas todas as pistas da zona”. O orzamento de licitación ascende a 73.995,83 euros.
Na parroquia de Ribas Altas arranxaranse todas as pistas da marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo, cun orzamento de 111.231,98 euros. As obras proxectadas consisten na rexeneración do firme en varias vías municipais que suman unha lonxitude total de 1.790 metros, cun ancho medio de 3,65 m e unha superficie conxunta de 6.536 m².
Ademais de rexenerar o pavimento, a actuación pretende mellorar o acceso central desde a área recreativa ata a estrada provincial, ensanchando o primeiro tramo do mesmo ata os 6 metros. Deste xeito, na parcela municipal colindante crearase unha área verde, con plantación de arborado e céspede, e colocación de mobiliario urbano. O concello anuncia que en vindeira datas licitarase a mellora da pavimentación da rúa Pintor Luis Seoane e as actuacións en vías de Piñeira, Marcelle e San Julián de Tor. O obxectivo é que todos os proxectos estean executados a finais deste ano 2026.

