O Castro Art Village impulsa un ciclo de obradoiros formativos impulsados pola Fundación Acción contra el Hambre Galicia, a través do proxecto “Comunidades de Dinamización e Emprego Inclusivo: Novas Ruralidades”, en colaboración coa Fundación “la Caixa”. A iniciativa preséntase baixo o título “FROITOS DA ARTE. Emprender dende a creatividade no rural”, terá lugar do 29 de xuño ao 3 de xullo, e está dirixida a persoas de entre 18 e 35 anos que residan ou desenvolvan un proxecto artístico no sur da provincia de Lugo.
Entre os obxectivos que buscan os organizadores está crear oportunidades de participación, emprendemento e desenvolvemento persoal para a mocidade do rural e dende unha perspectiva artística.
DESENVOLVEMENTO DA PROPOSTA FORMATIVA
Ana Randolfe, Técnica de Dinamización Territorial e colaboradora da entidade impulsora dos obradoiros, Fundación Acción contra el Hambre Galicia, explica que “o programa estará impartido por Davoud Gerami e Tatiana Alonso, cofundadores de O Castro Art Village, un proxecto cultural de referencia situado na Ribeira Sacra. A formación propón unha aproximación innovadora ao emprendemento, combinando metodoloxías das Artes Expresivas coa experiencia real de creación e consolidación de iniciativas culturais no rural galego”.
Ao longo de cinco sesións de catro horas, as persoas participantes explorarán as súas ideas e proxectos a través da pintura, a escritura, o collage, a creación colectiva e a reflexión compartida. Máis que elaborar un plan de negocio convencional, esta acción formativa busca, din os organizadores, “fortalecer a conexión coa motivación profunda que sustenta cada iniciativa, favorecendo unha visión máis clara, sostible e auténtica do emprendemento”.
O ciclo está especialmente dirixido a persoas emprendedoras, artistas, artesás, creativas mais tamén poden participar aquelas que se atopen nun proceso de definición ou transformación profesional e desexen desenvolver proxectos vinculados ao territorio, a cultura, a sustentabilidade ou a innovación social.
HORARIOS E LUGAR ONDE SE FARÁN OS OBRADOIROS
As sesións desenvolveranse os días 29 e 30 de xuño e 1, 2 e 3 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas, nas instalacións de O Castro Art Village, no Castro de Mourelos (O Saviñao). As prazas son limitadas e a participación de balde sendo necesario inscribirse nun formulario que habilitou a organización.
Para máis información contactar no teléfono 648 16 68 48 ou dirixirse ao correo electrónico arandolfe@accioncontraelhambre.org

