Da presentación das XXXVII Xornadas da Rota do Románico de Pantón encargáronse o alcalde e a concelleira de Cultura do Concello de Pantón, José Luis Álvarez e Cristina Domínguez e o técnico de Cultura, Javier González, que explicou a axenda de actividades. Desde o concello agradeceuse o traballo e dedicación a estas Xornadas por parte da súa promotora, Flora Enríquez e manifestouse a intención de seguir celebrándoas e promocionando o románico, a cultura, a historia e a paisaxe do municipio.
As actividades das Xornadas comezaban este pasado sábado coa celebración da carreira e a andaina popular da Rota do Románico. A programación complétase coas seguintes propostas, todas elas con entrada libre e gratuíta:
- Domingo, 14 de xuño. Actuación de Brice Duisit. Mestre de canto e vielle, especialista en monodia trobadoresca. Na Igrexa románica de San Miguel de Eiré, ás 18:00h.
- Sábado, 20 de xuño. Fantasías de Telemann na Ribeira Sacra. Concerto de Viola de Gamba interpretado por Sara Ruiz, profesora de viola da gamba no Conservatorio Superior de Música de Vigo e directora do Consort de Violas da Gamba da Universidade de Salamanca. Na Igrexa parroquial de Pombeiro ás 11:30h; na Igrexa de San Fiz de Cangas ás 16:30h, e no Mosteiro do Divino Salvador ás 19:00h.
- Domingo, 21 de xuño. O soño e o eco. Oito poemas musicados de Rosalía de Castro e oito textos orixinais en verso que funcionan como ligazón e fío condutor. Concertista: Pablo Vila. Na Igrexa románica de San Fiz de Cangas ás 19:30h.
- Venres, 26 de xuño. Kino Terra. Cinema e territorio…cine que conecta coa terra, que non só retrata, se non que dialoga co territorio, escoita as historias e preserva a memoria. Ás 18:00h proxectaranse no salón de actos da Casa da Cultura, catro curtas rodadas na Ribeira Sacra;
- Domingo, 28 de xuño. Resucitando a historia: presentación da restauración das pinturas murais do presbiterio da igrexa do mosteiro do Divino Salvador, realizada por dona Vania López Arias, restauradora. Posteriormente actuación do duo de piano e violín Artistas. As actividades terán lugar no Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira, ás 18:00h.
- Domingo, 5 de xuño. Pedras con alma Feminina. Visita guiada por Máis que Románico ó interior do Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira. Posteriormente concerto, no exterior do mosteiro co grupo Batital. No Mosteiro do Divino Salvador ás 18:00h.
- Domingo, 12 de xullo. Danza no Camiño Galego. Proxecto coreográfico que propón unha visión do noso patrimonio a través da arte, a danza e a música de seus intérpretes e creadores, tendo como principal motor de inspiración o Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia. A cita patrocinada pola Xunta co apoio do concello de Pantón desenvolverase nai grexa de Santiago de Castillón a partir das 20:00h.
- Venres, 17 de xullo. Presentación do programa VIII Fest Clásico R.S. en el románico galego e inauguración da VII Mostra de Pintura R.S.C a cargo de Dona Luz Barriga. Na Casa da Cultura de Pantón ás 17:00h.
O cartel desta edición das xornadas, obra de Óscar Alonso Molina, doutor en Belas Artes, pon tamén o foco nunha bóveda da igrexa de San Fiz de Cangas, “o obxectivo é que esta imaxe chegue a todo o mundo, que traía moita xente ás xornadas e seguir traballando na promoción do noso patrimonio e o noso románico”, asegura o rexedor local, que espera poder contar en breve cunha sala para devolver o Santo Cristo de San Fiz ao concello de Pantón.


