Homesociedade150.000€ para renovar o firme das rúas 1 e 2 no Polígono...

150.000€ para renovar o firme das rúas 1 e 2 no Polígono do Reboredo en Monforte

O concello de Monforte saca a licitación o proxecto de mellora de infraestruturas viarias no Polígono Industrial do Reboredo, concretamente dun tramo da rúa 1 e a 2 completa, nunha superficie total de 7.492 m2.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O proceso de contratación abriuse este venres, 19 de xuño, coa publicación do anuncio na Plataforma de Contratación do Sector Público e a apertura de prazo, ata o 17 de xullo, para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas. O orzamento base de licitación ascende a 150.000 euros e o prazo de execución é de 1 mes.

Esta actuación, apunta o rexedor, José Tomé, “xunto coa ampliación e ordenación do Polígono que temos proxectada, a construción da nova depuradora e a mellora integral da rede de saneamento, supón un paso máis no compromiso deste Equipo de Goberno co crecemento industrial de Monforte”. 

Este mes de xuño, en sesión extraordinaria, o Pleno da corporación aprobou dúas importantes iniciativas que teñen que ver co desenvolvemento do polígono. Concretamente, o proxecto de modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento do Polígono Industrial do Reboredo, que ten por obxectivo de actualizar a ordenación deste espazo empresarial e acometer a súa ampliación nunha superficie total de 52,91 hectáreas. E por outro, o proxecto construtivo de separación e tratamento de augas pluviais, unha actuación que permitirá completar a adaptación da rede de saneamento do parque empresarial ás esixencias normativas actuais. Esta actuación enmárcase no convenio subscrito entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do polígono, unhas obras que se atopan actualmente nun avanzado estado de execución.

“Con estas actuacións queremos poñer todo da nosa man para favorecer a implantación e o crecemento das empresas no noso municipio, e con isto facilitar o crecemento de Monforte en oportunidades económicas e, polo tanto, en poboación”, incide José Tomé.

Rexeneración do firme nas rúas 1 e 2 do Polígono

As actuacións previstas consisten na rexeneración do firme nas dúas rúas indicadas, ambas pertencentes á rede viaria municipal do Concello de Monforte, que precisan desta intervención, xa que na actualidade presentan un deficiente estado de conservación, con fochancas, roturas de pavimento e desniveis. A rexeneración do firme consistirá no fresado do pavimento actual das vías afectadas e a aplicación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 4 cm de espesor, mantendo a cota das dúas rúas.

José Tomé lembra que na última década o Polígono Industrial do Reboredo leva experimentado importantes melloras en infraestruturas e servizos, entre as que destacan a renovación do viario, a mellora da iluminación pública, a ampliación das redes de saneamento, a creación de novas rúas e zonas de estacionamento, así como a mellora dos espazos públicos.

Estas actuacións contribuíron a incrementar a actividade empresarial e propiciaron a venda da práctica totalidade das parcelas dispoñibles, circunstancia que levou ao Equipo de Goberno a impulsar unha ampliación que permita responder á demanda existente e facilitar o crecemento das empresas xa implantadas.

ÚLTIMAS

Chantada estrea área recreativa na rúa Concepción Arenal

A través dos módulos de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (albanelaría) e...

A Praza de Abastos de Monforte acolle o 15 de outubro dous obradoiros de costura creativa

A proposta parte dunha idea sinxela, a peza máis sostible é a que xa...

O concurso de debuxo infantil “Os Bolechas reciclan en Monforte” ten prazo aberto ata o 20 de novembro

O concurso dá continuidade ao traballo desenvolvido no curso pasado a través da campaña...

Moi boas previsións de ocupación turística na Ribeira Sacra para a ponte do Pilar

Segundo informacion que traslada o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, as expectativas de ocupación...