Conta atrás para a 5ª edición de ‘O Son da Aldea’, un festival que presume de facerse cento por cento en galego e acoller boa música do país así como outras actividades para a toda a familia.
O festival conta este ano cun programa de propostas musicais moi interesantes. A partir das 18:30 h estarán no escenario a formación tradicional Aikirindo, a música Lidia India, Os Parentes, Alana, CMirazo e Pappaquino.
Antes da noite de concertos, o público familiar –a partir das 17:00 h–, gozará cos malabares, o humor e outras habilidades circenses de Henriko Circo. E paralelamente, poderase aproveitar para ver os postos de artesanía así como tamén degustar propostas gastronómicas e hidratarse nos postos de bebidas.

Un festival, feito nunha contorna rural e en galego, que reivindica a descentralización da cultura para darlle a visibilidade que merecen as nosas aldeas.
Ademais de empresas locais fan posible a organización deste evento a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Pantón. O cartel foi obra da empresa local Estudio Gnomo.


