HomesociedadeA feira tradicional 'Outrora' presenta cartel e programación

A feira tradicional ‘Outrora’ presenta cartel e programación

O Alcalde do Concello de Bóveda, José Manuel Arias, e a concelleira, Cristina Juiz, deron a coñecer a imaxe gráfica do emblemático evento que chega á súa XXII edición e adiantaron o programa de actividades. Será o vindeiro 14 de xullo na localidade de Rubián.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O Concello de Bóveda vén de facer público o cartel e a programación da XXII Feira Outrora de Rubián, evento con especial protagonismo na programación municipal e que ten lugar, como é costume, o 14 de xullo.

Dende hai uns anos convócase un concurso de carteis para obter a imaxe representativa que anunciará a feira, sendo o gañador desta edición o vigués Jorge Pastoriza Santa Clara, artista gráfico que recibirá un premio de 500 euros. “Na súa proposta recrea un mercado tradicional no que se pode ver a diferentes artesáns levando a cabo o seu traballo”, explican dende o concello.

Fontes municipais refiren tamén que, con bastantes propostas recibidas, “chegaron obras do Concello de Bóveda mais tamén de localidades limítrofes e doutras provincias, así como de fóra da Comunidade”.

A Feira Outrora de Rubián acolle cada ano unha importante representación de propostas de artesanía galega que comparten mercado cos postos tradicionais das feiras de toda a vida con exposición e venda de maquinaria e ferramentas, produtos agrícolas, alimentación, roupa, postos de polbo e churrasco, etc. Paralelamente o concello deseña unha programación con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, actividades para a cativada e a realización de dúas actividades de interese etnográfico e tradicional como son unha “recreación da malla” e o asado do “isco no guizo”.

Aproveitando a presentación do cartel, o Alcalde do Concello de Bóveda, José Manuel Arias, e a concelleira, Cristina Juiz, deron a coñecer a programación do evento que contará durante toda a xornada con moita música, demostracións e obradoiros de artesanía, degustacións gastronómicas, festa acuática infantil, recreación da malla, o ‘isco no guizo’ e unha verbena final.

Feira de Outrora (arquivo). Foto: Concello de Bóveda.
PROGRAMA XXII FEIRA OUTRORA DE RUBIÁN

A feira dará comezo o día 14 de xullo ás 10:00 horas coa apertura dos postos e as mostras de artesanía. Ás 10:15 horas haberá unha exhibición de escultura con motoserra.

Ás 11:00 horas abrirán ao público os obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño. Á mesma hora haberá un pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas do Concello de Bóveda.

Ás 12:00 horas farase unha degustación de produtos galegos baixo a marca ‘Experiencias de calidade diferenciada’ coa colaboración de AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria). Neste intre tamén se poderá gozar do concerto da Banda de Música ‘Sons e Soños’.

Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas haberá demostracións participativas nos postos de artesanía, así como obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño.

Ás 17:30 horas haberá unha espectacular festa infantil acuática, con merenda final para os participantes, e ás 19:30 horas terá lugar o concerto na Capela da Coral Municipal de Bóveda.

A tradicional recreación etnográfica da malla será ás 20:30 horas, seguida do isco no guizo ás 21:30 horas.

Antonio Barros, artista galego con máis de 15 anos de traxectoria e coñecido polo seu paso por diferentes programas da TVG, poñerá o remate á xornada co seu espectáculo ‘Verbena inesquecible’.

Antonio Barros no seu paso por Recantos. Foto: Web A. Barros.

ÚLTIMAS

O queixo ‘Savel’ de Airas Moniz, premiado a nivel estatal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de publicar no Boletín oficial del...

Ferreira de Pantón celebra as Festas Patronais do 22 ao 24 de agosto

O Concello de Pantón presenta o programa das Festas Patronais de Ferreira de Pantón...

Artesanía de Galicia no Courel ata o 9 de agosto

Durante a súa visita, destacaron que esta iniciativa contribúe a achegarlle á sociedade o...

A directora xeral de Xuventude visita o campamento Adventure Camp no Centro Peares de Inmersión Lingüística, en Carballedo

Lara Meneses coñeceu a primeira quenda das tres coas que conta esta iniciativa que...