O 18 de xullo entrarán en servizo as seguintes lanzadeiras que teñen carácter gratuíto e funcionarán ata o 30 de agosto.
- Monforte de Lemos – Doade – Embarcadoiro de Ponte do Sil
- Castro Caldelas – Abeleda – Embarcadoiro de Abeleda
- Escairón – Arxeriz – Praia da Cova
- Chantada – Belesar – Portotide – Praia da Cova
A principal novidade deste ano é a incorporación dunha nova parada en Portotide na lanzadeira Chantada – Belesar – Praia da Cova, unha liña posta en marcha o pasado ano que permite conectar Chantada co embarcadoiro de Belesar e cun dos espazos fluviais máis concorridos do verán en Ribeira Sacra. A Praia da Cova contará, ademais, co servizo de traslado habitual desde Escairón, con parada en Arxeriz. As lanzadeiras con destino Praia da Cova funcionarán ata o 6 de setembro, en venres, sábados, domingos e festivos.
As reservas de praza atópanse habilitadas na web do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra: https://turismo.ribeirasacra.org/gl/lanzadeiras-veran-2026
Desde o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra recoméndase reservar praza con antelación e non deixalo para o mesmo día da visita, xa que a dispoñibilidade pode verse limitada en función da demanda.
Estes servizos dan continuidade ás probas piloto iniciadas en anos anteriores no marco das actuacións de mobilidade turística sostible impulsadas en Ribeira Sacra. A súa posta en marcha este verán, ao igual que en 2025, é posible grazas ao convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, que permite manter unha medida xa testada como ferramenta útil para ordenar os fluxos turísticos e mellorar a experiencia das persoas visitantes. Nesta ocasión, tamén a Deputación de Lugo colabora no reforzo da lanzadeira ao Embarcadoiro de Ponte do Sil, a máis demandada, e que amplía o número de frecuencias para tratar de dar unha mellor cobertura.
Pola súa banda, o Concello de Parada de Sil mantén en funcionamento dende o 1 de xullo, e ata o 13 de setembro, o servizo de lanzadeira obrigatorio ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. O custe nese caso é de 3€, incluíndo a entrada ao monumento. Sobre a lanzadeira ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil informarase proximamente.


