HomeCulturaA Pobra do Brollón celebra este 11 de xullo a XI Feira...

A Pobra do Brollón celebra este 11 de xullo a XI Feira Guímara

A Feira Guímara conmemora por undécimo ano a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra as inxustizas do Conde de Lemos en tempos medievais. O evento é organizado polo Concello da Pobra do Brollón con apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A cita desenvólvese no campo onde antigamente tiñan lugar as feiras da Pobra, ao carón do río Rubín. Dende a organización, anímase aos asistentes a acudir á feira caracterizados de época, particularmente de labregos e labregas de época medieval.

A xornada comeza ás 11:30 horas co pregón a cargo de Manuel Leiras Camiño, historiador oriúndo da Pobra do Brollón. Seguidamente, ás 12:00, terá lugar a representación da revolta guímara a cargo da rapazada, aínda que se anima a todo o mundo a participar alentando a revolta.

Tras o remate da representación, dará comezo un vermú animado por The Tetas’ Van, banda que cumpre 15 anos facendo pop e rock con pulso feminista e moita forza escénica. Entre as 12:00 e as 16:00 h, haberá unha demostración de oficios tradicionais – cestería, torno de madeira e cantería – a cargo do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) de Lugo.

Ademais, ao longo do día estarán abertos máis de vinte postos de artesanía e produto local, con propostas moi variadas que inclúen mel, cosmética natural, téxtil, xoiaría, coiro, olería e madeira.

Para a hora de xantar, instalaranse mesas de uso libre baixo a sombra das árbores, coa idea de que os asistentes leven a súa propia comida a modo de romaría. Tamén haberá postos de polbo e da cooperativa Tres Fuciños, ademais de doces, filloas e queixos artesáns.

Despois do xantar, a programación continúa ás 17:00 con xogos populares. Haberá xogos como a chave ou a ra para quen os queira probar, e tamén se organizará un concurso con categorías infantil e adultos. As persoas interesadas en participar no concurso poden anotarse previamente o propio día da feira. 

Ás 20:30 comezará o espectáculo infantil ‘Chafallas, a vendedora de fume’, unha proposta de Cris Collazo (A Cova das Letras) que bebe da esencia dos contos e cantigas tradicionais galegos e portugeses.

A festa continuará pola noite cunha sesión de éxitos musicais a cargo do guímaro DJ Vizcaíno. Toda a programación pódese consultar nas redes sociais e na web do Concello da Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón engadirá este ano á súa programación de Nadal un novo...

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reúnese co sector vitivinícola da Ribeira Sacra

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, realizou unha visita á Ribeira Sacra co obxectivo...

O Círculo do Saviñao comeza o seu Ciclo de Teatro de Outono

Este sábado, 7 de novembro, sube o telón en Escairón o Ciclo de Teatro...