HomesociedadeA comunidade rural da comarca de Chantada reivindícase ante os parques eólicos...

A comunidade rural da comarca de Chantada reivindícase ante os parques eólicos e outras afectacións ao territorio

A asociación Pola Defensa do Territorio presentouse este domingo en Chantada, nun acto no que se deron a coñecer os seus obxectivos e liñas de traballo. A entidade de ámbito autonómico, con especial atención á comarca chantadina, ten por obxecto defender o medio rural fronte a calquera ameaza que poña en risco o benestar das persoas, dos animais e do territorio.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Durante a presentación, a presidenta da entidade, Josefa Fernández Figueiras, destacou que, nun contexto marcado polo despoboamento, o avellentamento e o abandono do medio rural, “resulta imprescindible impulsar un modelo de desenvolvemento que favoreza a permanencia da poboación no territorio e preserve as condicións necesarias para garantir un futuro digno ás comunidades rurais”. Neste sentido, manifestou que este modelo “non pasa por instalar aeroxeradores de última xeración a escasos 300 ou 600 metros de vivendas e explotacións gandeiras, como se pretende nalgúns casos”.

A entidade aspira a converterse nunha voz común na defensa do territorio e na promoción dun modelo de transición enerxética compatible co futuro do rural galego. Así mesmo, fixo un chamamento a todas as persoas que compartan esta visión para que se incorporen ao proxecto e colaboren ou participen na construción dun rural máis próspero e sostible.

No acto participaron veciños de Esmeriz, que compartiron a súa experiencia tras máis de dúas décadas convivindo con parques eólicos instalados na súa contorna, explicando os efectos que, ao seu xuízo, tiveron estas infraestruturas sobre o territorio e a vida diaria. Tamén representantes da veciñanza do Saviñao, que expuxeron a súa loita para evitar a instalación de aeroxeradores nas proximidades de vivendas e explotacións gandeiras. Durante a súa intervención advertiron de que “as compensacións económicas ofrecidas non se corresponden co importe finalmente percibido, ao ter que facer fronte ás obrigas fiscais e, nalgúns casos, darse de alta como persoas traballadoras autónomas para poder acceder a estes ingresos”.

A xornada contou igualmente coa participación de veciños e veciñas de Pesqueiras, que informaron sobre a situación actual dos proxectos das plantas de almacenamento con baterías de litio Belesar I e Belesar II. Entre as preocupacións expresadas figuran o risco de incendios de elevada complexidade na súa extinción, o ruído continuo derivado dos sistemas de refrixeración das baterías, previstas a escasos 120 metros dalgunhas vivendas, o posible impacto das emisións electromagnéticas, a perda de terreos destinados á actividade agrícola e gandeira, así como a incerteza sobre a orixe da auga necesaria para o funcionamento das instalacións e a posible afección aos pozos dos que se abastecen tanto as persoas como os animais. Segundo manifestaron os asistentes, todos estes factores están a xerar unha crecente preocupación e incerteza entre a veciñanza respecto á viabilidade do futuro das comunidades rurais afectadas por este tipo de proxectos.

ÚLTIMAS

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón engadirá este ano á súa programación de Nadal un novo...

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reúnese co sector vitivinícola da Ribeira Sacra

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, realizou unha visita á Ribeira Sacra co obxectivo...

O Círculo do Saviñao comeza o seu Ciclo de Teatro de Outono

Este sábado, 7 de novembro, sube o telón en Escairón o Ciclo de Teatro...