Co gallo da XXVI edición da mostra Artelemos, a cidade de Monforte convértese na capital da artesanía da Ribeira Sacra durante 6 xornadas, concretamente do 3 ao 8 deste mes de agosto. Nestas datas poderanse ver e mercar as mellores creacións de artesáns deste territorio, mais tamén doutros lugares de Galicia e incluso de fóra. Nesta edición haberá, por exemplo, artesáns de Toledo, León e Murcia.
O Alcalde, José Tomé, acompañado dos concelleiros José Luis Losada e Miguel Tomé, así como da concelleira Regina López; e xunto á técnica de Promoción Económica, María Trinidad López; fixeron un percorrido inaugural polo recinto situado na céntrica rúa do Cardeal. Dos 33 postos cos que conta a mostra ‘Artelemos’, pódense atopar orfebrería, cestería, coiro, vidro, cerámica, olaría de Gundivós, madeira, lá e outras especialidades que amosan a riqueza do patrimonio artesanal.
A RIBEIRA SACRA, MOI BEN REPRESENTADA
Nesta edición participan un total de 33 artesáns e artesás que chegan a Monforte das catro provincias galegas, así como de León, Toledo e Murcia.
Concretamente, 13 son do territorio da Ribeira Sacra, 1 da cidade de Lugo, 3 da provincia de Ourense (2 da capital e 1 de Allariz), 5 de A Coruña (3 de Santiago de Compostela e 2 doutras localidades), 6 de Pontevedra (3 de Vigo e 3 doutras localidades), 3 da provincia de León, 1 de Toledo e outro de Murcia.
O rexedor destacaba na inauguración que Artelemos é “unha cita xa plenamente consolidada no calendario do noso Concello e da Ribeira Sacra, converténdose cada verán nun importante punto de encontro entre artesáns, veciñanza e visitantes”.
OBRADOIROS E DEMOSTRACIÓNS EN VIVO
Un dos principais atractivos de Artelemos é a presenza dos propios artesáns elaborando as súas pezas en directo. Durante toda a mostra desenvolveranse demostracións e obradoiros participativos que permitirán achegar ao público aos distintos oficios artesanais. As actividades celebraranse diariamente entre as 12:00 e as 14:00 horas e entre as 19:00 e as 21:00 horas, mentres que a Mostra abrirá ao público de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas.
Coincidindo coa inauguración oficial o público puido desfrutar nesta xornada da elaboración en directo da tradicional olaría de Gundivós a cargo de Elías González, así como da senlleira cestería, con taller e demostración a cargo da artesá Luisa Martínez.

Seguindo a axenda de demostracións, o martes 4 poderase gozar doutra demostración da olaría tradicional da Ribeira Sacra con Figulus, da man de Otilia Arias e Tomás López. O mércores 5, Lucía Casado impartirá un taller de coiro no que os participantes elaborarán un colgante artesanal e o xoves 6, Luisa Mosquera dirixirá un obradoiro de fieltro en lá e puntadas de bordado a man, pensado para participantes de todas as idades.
Xa rematando a mostra, o venres 7 Amparo Escrich desenvolverá un obradoiro de modelado en barro destinado a nenos e nenas e o sábado 8 a programación rematará con dous obradoiros simultáneos: María Monsalve impartirá un taller de fieltrado con agulla en seco para todos os públicos, mentres que Noel Pérez ofrecerá unha actividade infantil de moldeado e pintura píntega. Os participantes poderán elaborar e levar consigo as súas propias creacións.
Para participar nos obradoiros é necesario inscribirse no stand do Concello, no propio recinto feiral, cun mínimo de media hora de antelación ao inicio de cada actividade.
AGRADECEMENTOS E CONVITE A VISITAR A MOSTRA
Dende o Equipo de Goberno salientan a importancia de iniciativas como esta de Artelemos, que poñen en valor a artesanía local e apostando por ela como opción de emprendemento. Apoiar aos nosos artesáns, subliña o alcalde, “significa tamén apoiar o desenvolvemento do medio rural, a economía local e a promoción turística do noso territorio”.
Finalmente, o rexedor convida á veciñanza e ás persoas que visiten Monforte durante esas datas a achegarse á rúa Cardeal para coñecer de primeira man o traballo destes profesionais, participar nas actividades programadas e apoiar coas súas compras un sector que forma parte esencial da cultura e das tradicións da Ribeira Sacra.

