O alcalde José Tomé Roca, mostra a súa ledicia despois de recibir por Sede Electrónica a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a construción da Nova Ponte do Malecón, “O Concello xa ten todos os permisos sectoriais para a Ponte”, anuncia o rexedor, “o que significa que a Ponte é totalmente legal”. Pola súa banda o BNG anuncia que utilizará todas as ferramentas legais, políticas e sociais para intentar paralizar este proxecto.
Segundo o alcalde a Ponte Vella xa está máis cerca de ser peonil, mentres que a nova Ponte vai respectar a contorna do Malecón, “mantendo a zona verde, mantendo as árbores de ribeira do río Cabe como están agora e que vai mellorar moito as comunicacións entre o Malecón e a zona do Hospital, reducindo o tráfico de vehículos na rúa Hortas e no centro da cidade”.
Trala autorización definitiva por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia recibida o pasado mes de xullo só restaba a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que se vén de coñecer, “a actuación resulta compatible co réxime hidráulico da canle do río e coa planificación hidrolóxica aplicable, sen que se aprecien afeccións incompatibles co dominio público hidráulico nin vulneración do principio de non deterioración da masa de auga”, co que se dá luz verde á construción da nova Ponte.
Os seguintes pasos administrativos para a construción desta infraestrutura pasan a depender agira do Concello de Monforte de Lemos. Comezarase pola aprobación inicial do proxecto, que seguidamente será sometido a exposición pública para a presentación das correspondentes alegacións se as houbera. Logo deste proceso resolveranse ditas alegacións, no caso de que se presentaran. Cumprido este trámite, aprobarase definitivamente o proxecto para, finalmente, proceder á licitación da súa construción. A licitación das obras, apunta o rexedor, é previsible que se produza antes de que remate o presente ano 2026, e a adxudicación á empresa gañadora do concurso producirase en abril aproximadamente.
A construción da Ponte do Malecón é un compromiso adquirido polo alcalde de Monforte, José Tomé, que xa foi sometido a un concurso de ideas no ano 2020, no que foi seleccionado o deseño da nova infraestrutura, “unha ponte de Ferro que recorde a que estaba situada no lugar que ocupa a actual Ponte Nova na Avenida de Galicia, unha ponte que caeu nos anos 50 do século XX”, explica Tomé.
O BNG anuncia que intensifica o traballo en contra da ponte
Tras as últimas informacións sobre a tramitación da obra, a formación nacionalista reafirma a súa vontade de empregar todos os mecanismos ao seu alcance para impedir esta actuación, “Non estamos ante unha simple obra pública, senón ante unha decisión que pode cambiar para sempre un dos espazos máis queridos de Monforte. Por iso imos utilizar todas as ferramentas legais, políticas e sociais ao noso alcance para intentar paralizar este proxecto”, sinala o responsable local do BNG en Monforte, Manuel Luaces.
A primeira liña de actuación será continuar estudando todas as vías legais posibles para tratar de paralizar o proxecto. O BNG asegura que non renunciará a ningún instrumento xurídico que permita defender o Paseo do Malecón e evitar unha intervención que transformaría de maneira irreversible a súa contorna.
Paralelamente, a formación nacionalista porá en marcha unha campaña de información á cidadanía para explicar con detalle o alcance real da obra e as súas consecuencias. O obxectivo é que a veciñanza dispoña de toda a información necesaria para formar unha opinión fundamentada. Neste sentido, o BNG denuncia que o Concello de Monforte está a presentar unhas infografías que, ao seu xuízo, ocultan deliberadamente información relevante e ofrecen unha imaxe distorsionada do impacto que terá a ponte sobre o Paseo do Malecón.
No ámbito institucional, o grupo municipal estudará novas iniciativas que permitan abrir o debate arredor deste proxecto. Entre elas valorarase a posibilidade de impulsar unha consulta cidadá para que as veciñas e os veciños poidan expresar a súa opinión sobre unha actuación que condicionará durante décadas un dos espazos máis representativos da cidade.
O BNG considera tamén imprescindible sumar esforzos con todas aquelas persoas, colectivos e formacións políticas que comparten o obxectivo de impedir esta obra. Por este motivo, manterá conversas con outras forzas da oposición, como PP e Esperta Monforte, para explorar posibles accións complementarias que reforcen a resposta social e institucional. Entre as distintas opcións tamén se estudará a convocatoria dunha gran mobilización cidadá.
Neste proceso, a formación nacionalista reafirma que a plataforma Salvemos o Malecón é o principal referente cidadán na defensa deste espazo e considera que debe ser quen lidere esta reivindicación. O BNG expresa o seu compromiso de seguir colaborando estreitamente coa plataforma e de apoiar todas as iniciativas que impulse.

