Este martes, 11 de agosto, o alcalde do Incio mantivo unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para abordar diversos temas de interese para o municipio. Entre outras cuestións abordouse a situación na que se atopa a Casona da Cruz do Incio, propiedade da Deputación de Lugo e que leva anos á espera de rehabilitación.
A presidenta provincial trasladou o seu compromiso de transferir o inmoble ao Concello, así como o de achegar o importe comprometido para a súa rehabilitación, 250.000 euros. Trátase, segundo explica o rexedor, dunha gran nova para O Incio, despois de que o presidente da Xunta tamén manifestara o compromiso hai uns días de colaborar na súa rehabilitación “na mesma medida en que o faga a institución provincial de cara a recuperar o inmoble para convertelo nun espazo público aberto para os veciños e veciñas”.
Héctor Corujo explica que estes compromisos que veñen de trasladar ambos os mandatarios se van formalizar coa sinatura dos correspondentes convenios de colaboración, o paso previo para dar comezo ás obras.

Pta Deputación no Incio / Deputación Provincial
Carmela López supervisou tamén a actuación de pavimentación dos accesos ao núcleo de Viladecais, incluída no Plan Deputación 2025, e cun investimento de máis de 179.000€.
Na LU-P-2503, que conecta o Incio con Foilebar, está prevista unha actuación para mellorar a evacuación das augas superficiais; mentres que na LU-P-1306 que une Megoxe, Seceda e Ferrería de O Incio se están realizando labores de mellora no pavimento.
Carmela López que quixo coñecer a situación de primeira man, destacou que o mantemento e a mellora das estradas son tamén unha ferramenta para impulsar o desenvolvemento económico e social de O Incio, ao facilitar a mobilidade da veciñanza, mellorar a conexión entre os diferentes núcleos e favorecer o acceso ás explotacións, negocios e servizos.

