Interior Galego Vivo alerta da situación de “precariedade” que afronta a viticultura galega co cambio climático, vagas de calor e secas, “a seca dificulta o cultivo e os custos de produción non deixaron de medrar. Os prezos da uva na orixe levan máis de dúas décadas practicamente conxelados. Manéxanse prezos de 1,20 €/kg para a Mencía, 0,70 €/kg para a Garnacha e 1,60 €/kg para o Godello. Prezos de ruína que supoñen vender a perdas dada a orografía e a suba dos custes de produción”.
Segundo a formación política, a responsabilidade da Consellería de Medio Rural é evidente, “en Galicia non contamos cun estudo oficial, actualizado e fiábel dos custos efectivos de produción da uva en cada área de produción, que permita aplicar con garantías a Lei da Cadea Alimentar. De feito, na DO Ribeira Sacra nunca o houbo.”
Consideran que nesta situación os viticultores quedan desprotexidos fronte ás adegas, “As consecuencias: falta de rendibilidade e relevo xeracional que multiplican o abandono do viñedo histórico en todo o canón dos ríos Miño, Cabe e Sil. Hai moitas hectáreas en proceso de abandono e aumenta a idade media de moitos viticultores e viticultoras en activo.”
IGV refírese tamén ao CRDORS que considera que ten responsabilidades máis alá do control da produción e a promoción do viño, “O Consello Regulador da Ribeira Sacra non pode limitarse a observar en silencio como se deteriora a renda das persoas que sosteñen a Denominación de Orixe. A neutralidade non existe: ou se está coa base social que sostén a DOP ou se lle vira as costas para abrazar ás instituciós e outros intereses”.
É por iso que Interior Galego Vivo reclama:
- Á Consellaría do Medio Rural, a elaboración inmediata dun estudo oficial dos custos efectivos de produción da uva en Galicia, diferenciando as condicións específicas da viticultura de montaña e das diferentes zonas e castes.
- O cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, impedindo que se formalicen contratos por baixo dos custos efectivos de produción.
- As axudas á paisaxe non poden condicionarse a pertencer a unha DO, xa que mantén a paisaxe quen mantén a súa viña, non quen paga unha cota na DO.
- Que nengún viticultor ou viticultora quede sen contrato antes da entrega da uva.
- Ao CRDORS, que abandone o silencio e asuma a súa responsabilidade na defensa do sector produtor. Se se pode reclamar ao MAPA o uso de naves non tripuladas para dar sulfato.
- Transparencia na formación dos prezos e nas condicións de contratación da uva.

