A Marca Q de Calidade Turística é un distintivo de carácter nacional que acredita que os establecementos e servizos turísticos certificados cumpren uns estándares de calidade específicos e sometidos a un proceso de avaliación e auditoría. De tal xeito que a certificación supón unha garantía para os visitantes e unha ferramenta de mellora continua para os propios recursos turísticos.
No caso de Monforte, os recoñecementos certificados pola Xunta refírense a catro espazos fundamentais da oferta turística municipal: a Oficina de Información Turística garante unha atención profesional e información de calidade para as persoas visitantes; o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra reforza o seu papel como referente do enoturismo e da divulgación da cultura vitivinícola; mentres que o Miradoiro do Duque e a Torre da Homenaxe consolidan o seu valor como recursos fundamentais do patrimonio paisaxístico, histórico e cultural de Monforte.
A obtención e mantemento destas certificacións implica o cumprimento de esixentes criterios relacionados, entre outros aspectos, coa atención ao visitante, accesibilidade, seguridade, información, organización dos servizos e mellora continua, contribuíndo así a elevar a calidade global da experiencia turística.
O alcalde, José Tomé, “reafirma a nosa aposta por un turismo responsable, sostible e de calidade, capaz de poñer en valor o patrimonio, a cultura, a paisaxe e a identidade local e, ao mesmo tempo, contribuír ao desenvolvemento económico da cidade e do conxunto da Ribeira Sacra”.
Sen dúbida, conclúe, “a certificación da Marca Q é un paso fundamental para seguir consolidando a Monforte de Lemos como un destino turístico responsable. E, sobre todo, un compromiso para seguir mellorando e ofrecendo ás persoas que nos visitan un servizo de calidade”.

