Baixo o lema «A saúde non pode esperar! A Pobra do Brollón necesita médicos!», os veciños e veciñas da localidade da Pobra do Brollón sairán de novo á rúa este 11 de outubro desde as 12:00h, para expresar publicamente a súa preocupación pola situación da asistencia sanitaria e reclamar ás administracións competentes que adopten as medidas necesarias para garantir un servizo médico digno e de calidade.
Durante a mobilización, que partirá do Centro de Saúde, tamén se levará a cabo unha recollida de sinaturas entre os veciños e veciñas, co obxectivo de trasladar ás administracións competentes o apoio da cidadanía a esta reivindicación e solicitar solucións ante a situación actual. Os convocantes insisten na necesidade de apoiar as súas demandas e fan un chamamento á participación para reclamar “un futuro da atención sanitaria na nosa localidade”.
Na mobilización do día 11 tamén se abordará a situación do Centro de Día e a falta de persoal, “As persoas maiores do noso municipio merecen recibir unha atención adecuada, personalizada e digna, e para iso é imprescindible contar cunha dotación suficiente de profesionais que permita prestar o servizo nas condicións necesarias. A nosa reivindicación centrarase en dous servizos públicos fundamentais para a comunidade: a atención sanitaria e o coidado das nosas persoas maiores”, aseguran.

