A pesar do escaso tempo, durante tres días os membros da plataforma organizaron a recollida e presentación das alegacións, coa participación de numerosas persoas, polo que valoran moi positivamente a resposta da cidadanía. “Esta última mobilización é unha nova mostra dun traballo que a plataforma leva desenvolvendo desde hai meses e que abrangue distintas vías administrativas, técnicas e xurídicas”, explican desde a Plataforma. Xa se presentaron alegacións ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e, posteriormente, un recurso de reposición contra a autorización hidráulica, que continúa pendente de resolución. Tamén se presentaron alegacións e recursos ante Patrimonio Cultural da Xunta, incluído un recurso de alzada contra as autorizacións relacionadas co proxecto.
No ámbito técnico, a plataforma conta ademais cunha análise independente do proxecto, realizada polo enxeñeiro de camiños José Antonio Rodríguez Quevedo. O informe analiza, entre outras cuestións, a correspondencia entre os planos e as infografías, as alturas e ramplas previstas, as cotas e perfís, a posible afección ao arborado e diversas discrepancias técnicas detectadas no proxecto.
Volven a insistir na necesidade de poder acceder ao expediente completo. A plataforma solicitou reiteradamente esta documentación e chegou a realizar actuacións ante a Valedora do Pobo pola falta de acceso á información. Aseguran que, “o Concello foi facilitando documentación de maneira parcial e tardía e, durante o actual período de exposición pública, comunicou que a documentación posta á disposición da cidadanía non comprendía o expediente completo. Esta cuestión foi tamén recollida nas alegacións presentadas pola plataforma”.
Desde Salvemos o Malecón aseguran que seguirán traballando nas diferentes vías xa abertas e utilizando todos os mecanismos administrativos, técnicos e xurídicos posibles. Neste sentido, prepararan o recurso contencioso-administrativo contra a resolución de Patrimonio, cuxo prazo de presentación remata o vindeiro 3 de novembro.

