A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), promove a Artesanía Alimentaria de Galicia mediante un ciclo de Aulas Abertas dedicadas a diferentes elaboracións agroalimentarias. A celebración desta xornada en Sober cobra especial relevancia no contexto actual do sector vitivinícola, marcado polos cambios nos hábitos de consumo e polo descenso da demanda de viño, especialmente dos tintos, tan representativos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Neste sentido, Alemparte destacou que a elaboración de vermús, licores, augardentes e outras bebidas espirituosas pode representar unha oportunidade complementaria de diversificación para as adegas e produtores, aproveitando as materias primas, a tradición e o coñecemento existentes no territorio. Así mesmo, salientou que estas novas oportunidades poden contribuír a manter a actividade económica vinculada á viticultura e, con ela, a singular paisaxe da Ribeira Sacra.
A artesanía alimentaria como ferramenta de diferenciación
Durante a xornada púxose en valor o distintivo de Artesanía Alimentaria de Galicia como unha ferramenta para recoñecer a calidade, a singularidade e o saber facer dos elaboradores, favorecendo unha maior diferenciación dos produtos no mercado. Neste ámbito, a Xunta aprobou normas técnicas específicas para estas bebidas, que establecen os requisitos que deben cumprir para poder acollerse ao recoñecemento de Artesanía Alimentaria.
O programa desta sesión incluíu unha presentación do Consello Regulador das IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, así como as experiencias de Adegas Celme, de Castrelo de Miño; Aguardientes de Galicia, de Vedra; e Pazo de Valdomiño, de Tomiño. Durante o mes de outubro celebraranse outras catro xornadas: o día 20 en Betanzos, dedicada ás comidas preparadas; o 21 en Chantada e o 27 no Porriño, centradas no pan e nas empanadas artesanais; e o 28 en Ponteareas, sobre conservas vexetais, zumes e marmeladas.

Artesanía Alimentaria Sober / Consellería Medio Rural

