O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu conta das xestións realizadas ante a Administradora de Infraestruturas Ferroviarias, ADIF, para a execución dun paso peonil provisional na contorna das obras de supresión dos pasos a nivel das rúas Juan Montes e Padre Feijoo, mentres se resolve a situación que mantén parados os traballos principal.
Tratábase de buscar unha solución que permitira mellorar a mobilidade peonil na zona e, ao mesmo tempo, impulsar a reactivación das obras de supresión dos pasos a nivel, “Desde que se pararon os traballos, mantiven diversas xestións e contactos para tratar de axilizar o reinicio dos traballos e para conseguir unha alternativa provisional que facilite o tránsito das persoas mentres non se retoman as obras”, explica o alcalde.
Tomé anuncia que se executarán as obras para un paso provisional para persoas, e tamén que nun par de meses aproximadamente retomaranse as obras de supresión dos pasos a nivel, na medida en que o tempo o permita. “A actual situación nas obras de supresión dos pasos a nivel débese á aparición de imprevistos que obrigaron a ADIF a tramitar un modificado do proxecto, co procedemento administrativo correspondente ata a súa aprobación pola Dirección do organismo ferroviario. Este modificado supón, ademais, un incremento do investimento de arredor de 1 millón de euros”, explica o alcalde.
Neste senso, o rexedor monfortino lembra que a supresión dos pasos a nivel é unha actuación de especial relevancia para a cidade, tanto pola mellora da seguridade como pola eliminación das barreiras que as vías ferroviarias supoñen para a mobilidade urbana.

