InicioSucesosIntentos de fraude relacionados con marcas

Intentos de fraude relacionados con marcas

Profesionais da Propiedade Industrial e a propia OEPM -Oficina Española de Marcas e Patentes- están advertindo de cartas fraudulentas respecto de marcas e nomes comerciais xa rexistrados ou en vías de concesión.

Publicado o

- Advertisement -

Se vostede ten unha patente, marca ou un nome comercial en vías de tramitación ou xa rexistrados na OEPM, organismo competente a nivel nacional para a inscrición dos dereitos de propiedade industrial, é posible que teña recibido ou reciba algunha comunicación na que se lle solicita o ingreso dunha “cota” para renovar os dereitos, para que estes se incorporen a outros rexistros, ou incluso ofrecendo aparencia de validez en terceiros países.

A carta, “en apariencia”, está remitida dende a propia OEPM -nalgúns casos- e o logo é semellante ao desta oficina pública de rexistro. Sen moitos argumentos de apoio, a comunicación céntrase en pedir unha cantidade económica a cambio de favorecer os seus dereitos. Pídese o ingreso do importe en cuestión nun número de conta que, a pouco que nos fixemos, non se corresponde con ningunha entidade bancaria española.

Noutros casos, o presunto defraudador, faise pasar por un organismo inexistente e reclama os pagos sempre co argumento de facerlle unha presunta xestión para favorecer a súa patente, marca ou nome comercial rexistrados. E de favor ningún, trátase dun timo, da solicitude dun pago indebido.

Dende o Departamento de Propiedade Industrial da Asesoría Álvarez Real, unha das que máis se dedica a este mundo da propiedade industrial na provincia de Lugo, están advertindo aos seus clientes que esta metodoloxía non é nova, que se vén repetindo de cando en vez e que cómpre estar moi atentos. Segundo lembran estes días, a propia OEPM fíxose eco o día 21 de xaneiro, nun comunicado público na súa propia web, de que os movementos fraudulentos estanse xeneralizando neste comezo de ano. Están recibindo numerosas consultas por parte de diversos titulares en relación a este tipo de escritos e/ou cartas de pago de determinadas sociedades que solicitan ingresos pola inclusión da súa marca en Rexistros ou Publicacións das Marcas que teñen protexidas. Os destinatarios/as das mesmas nun primeiro momento resultan ‘confundidos’ e interpretan que é cousa da OEPM; asimilan o comunicado a unha xestión consistente no pago dunha taxa de rexistro, de renovación ou incluso de publicación para poder manter a súa marca.

Dende Xornal de Lemos falamos deste tema con algún autónomo e empresarios. Prefiren gardar o anonimato pero recoñecen ter recibido algunha desas cartas anos atrás en relación á súa marca ou nome comercial do negocio. Na mesma solicitábanlles o ingreso de contías importantes, que superaban os 700 euros. Asesorados polos seus xestores non seguiron adiante e frustraron o intento de fraude.

“recoñecen ter recibido algunha desas cartas anos atrás, en relación á súa marca ou nome comercial do negocio. na mesma solicitábanlles o ingreso de contías importantes, que superaban os 700 euros”

Dende Álvarez Real recomendan extremar as precaucións no caso de recibir calquera comunicación solicitando pagos a nome da OEPM ou de calquera organismo do que non teñamos constancia. E, en calquera caso, consultar sempre antes a un experto na materia.

Na páxina web da Oficina Española de Marcas e Patentes figura o comunicado e aporta exemplos de comunicación fraudulentas que se están a recibir.

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...