A Garda Civil, no marco da operación tropilate 1, investiga a un súbdito romanés, sen domicilio coñecido, ao que se lle atribúe un cento de roubos con forza cometidos entre os anos 2019 e 2020 en establecementos comerciais de Galicia, Asturias e León.
As investigacións levadas a cabo por efectivos do equipo de policía xudicial de Monforte de Lemos, iniciáronse no segundo semestre do ano 2019 por mor da proliferación dos roubos que se viñan producindo nos últimos meses en establecementos comerciais de diversa índole en localidades do sur da provincia de Lugo. A análise pormenorizada dos roubos que se cometeron no mes de setembro do ano 2019 na demarcación territorial do equipo de policía xudicial foi determinante para concluír que non só podían ser perpetradas polas mesma persoa, senón que gardaban estreita relación con outros co mesmo modus operandi cometidos en distintas localidades desta provincia e limítrofes. Partindo desta hipótese e afondando no estudo destes roubos e noutros de similares características que se produciron en localidades de Asturias, León e Galicia, púidose recompilar información e indicios racionais sobre a posible identidade do solitario autor ao que se lle atribúe a autoría.
Nesta operación foi necesario unha exhaustiva análise comparativa das inspeccións oculares que se realizaron no seu día nos lugares onde se cometeron os feitos e das cámaras de vixilancia que posuían algúns dos locais comerciais afectados. O resultado final desta análise non só reforza a hipótese de partida, senón que tamén deu luz sobre a identidade do presunto autor e, sobre todo, das características do vehículo que utilizara.
O modus operandi é practicamente idéntico en todos os casos investigados, estudaba previamente o terreo, visitando gran parte dos establecementos durante o día, aproveitando estes momentos para comprobar as medidas de seguridade existentes, especialmente no referente a sistemas de alarma e peche. Violentaba as fechaduras das portas e unha vez no interior substraía a recadación das máquinas recreativas, rexistradoras e expendedoras de tabaco, ocasionando cuantiosos danos materiais. A forma de actuar denota que se trata dunha persoa áxil e moi adestrada, experto en artes marciais e boxeo, podendo chegar a ser perigoso en caso de verse acurralado. Calquera medida de seguridade instalada parecía insuficiente para evitar que conseguise o seu propósito criminal.
Outra característica destacable é a vestimenta utilizada, na maior parte dos feitos usaba un gorro de tipo pescador moi característico, sempre facía uso de luvas, pasamontañas, patas de cabra, lanterna, chaves de parafusos e mesmo varios xogos de mandos a distancia, todo iso oculto nunha mochila que adoitaba portar ás súas costas. Como resultado desta investigación conseguíronse esclarecer numerosos roubos con forza cometidos na zona noroeste do noso país, afectando a vinte e un partidos xudiciais e máis de trinta municipios, entre eles, os máis afectados na provincia de Lugo foron as localidades de Sarria, Chantada e Monforte, na provincia da Coruña os termos municipais de Pontedeume, Betanzos, Melide, Negreira e Arzúa, en Ourense a zona de San Cibrao das Viñas, en Pontevedra o municipio de Pontecaldelas, Caldas de Reis, A Estrada e Silleda, así como os termos municipais de Camponaraya en Ponferrada, Castropol en Asturias e Benavente en Zamora.
A súa reiteración delituosa xerara unha gran alarma durante os anos 2019 e 2020 entre os empresarios das provincias afectadas debido ao elevado número de roubos en establecementos de hostalería, ás cantidades substraídas e aos danos causados, que en total ascenden a máis de medio millón de euros. A persoa investigada atópase en prisión preventiva no Centro Penal de Mansilla de las Mulas (León) en espera de ser xulgado pola autoridade competente.